En 1963, a vila de Portomarín desapareceu comesta polas augas do Miño. A presa de Belesar arramplou cun núcleo urbano único, unha auténtica xoia arquitectónica. De nada serviu que dezasete anos antes o propio goberno franquista declarase aquela vila Conxunto-Histórico Artístico. A sorte estaba botada. Hoxe as ruínas daquela vila nobre só lle serven de acubillo ás troitas máis vellas. O novo casco urbano, que nada ten que ver co antigo, emerxe nun outeiro, a poucos centos de metros do encoro, ollando o espello do seu pasado.
Por unha encarga institucional, no 2013, cando se cumprían cincuenta anos do asolagamento, participei nun grupo de traballo que buscaba recuperar a memoria da vila desaparecida. Pasei semanas no novo Portomarín e tiven a oportunidade de entrevistar a ducias de persoas. A maioría dos informantes eran nenos ou mozos cando se produciu o éxodo. En todos era doado de percibir as pegadas dun trauma que non deixaba de proer na alma. Lembro agora a Rogelio, que con 34 anos tivo que deixar baixo a auga a vida anterior: «Aínda hoxe sigo soñando moitas veces coa xente e coas casas do vello Portomarín. O curioso é que nestes cincuenta anos, nunca, nunca soñei coa vila nova, sempre co de antes». O soño repetíase en todos os informantes maiores... Tamén entrevistamos a Aurora, a última nena que veu ao mundo no antigo asentamento. Con apenas tres meses trasladouse coa familia: «Eu vou cumprindo anos coa nova vila», foi o primeiro que nos contou. Lembraba a súa infancia como moi feliz. Mais a pesar diso, e a diferenza de seus pais, tivo que vivila de costas ao río: «Era un sitio no que non se podía xogar, os maiores dicían que era perigoso. Para nós era un encoro enorme, xigantesco. Agora os rapaces volven pescar e vivir cara ao río, pero nós houbo un tempo que case nin o mirabamos».
Mentres realizaba aquel traballo érame imposible non atopar certos paralelismos co que aconteceu posteriormente nas Encrobas. O vindeiro ano cumpriranse corenta da ocupación forzosa das terras. Para facer efectiva aquela expropiación, o 15 de febreiro de 1977 o goberno enviou 200 gardas civís. Nos montes de Morzós dábase a última gran revolta agrarista do século XX e así pasou aos libros de historia.
Non teño memoria persoal daqueles feitos. Nos primeiros meses de 1977 eu era un neno de tres anos e aquela parroquia, aínda que formaba parte do meu propio municipio, era unha zona distante e descoñecida. O que vin despois era xa un lugar mutilado, do que marcharan ducias e ducias de familias. A principios dos oitenta, canda outros rapaces do colexio da Silva, montáronnos nun autobús para levarnos de visita á central térmica. Non deixa de ser curioso que as instalacións reciban o nome doutra parroquia veciña, a de Meirama, moito menos afectada por toda a infraestrutura empresarial. Quedamos abouxados ao ver de preto aquelas enormes chemineas e ao entrarmos nunha sala de mandos que nos lembraba unha película de ciencia-ficción. Poida que aquela fose a primeira vez que pisaba As Encrobas.
O lignito xa non alimenta a central térmica e o burato a ceo aberto é agora, clausurada a explotación mineira, un gran lago. As cicatrices poden estar pechadas, a memoria non. NO 2007 estreouse un documental imprescindible: As Encrobas. A ceo aberto. Nel, unha das veciñas, coma en Portomarín, dicía que seguía soñando cada noite coa parroquia, coa xente desaparecida. É a demostración de que as mulleres e homes estamos feitos de soños, e iso é o que nos permite sobrevivir, incluso cando a auga asolaga todo ou a terra que nos alimentou se afunde debaixo dos nosos pés.