A estrea absoluta da peza será este venres e sábado no Teatro Rosalía da Coruña. O 21 de marzo chegará á vila da Xunqueira
14 mar 2026 . Actualizado a las 00:16 h.21 de marzo • Cee é unha vila que está no ADN mesmo de Talía Teatro e é por iso que, xunto con A Coruña, Vigo, Lugo ou Santiago, a localidade está incluída nas primeras funcións da xira de Artur Ui, o ovo da serpe. Será o 21 de marzo. Artur Ui, o ovo da serpe é o título da nova obra da compañía, cuxa estrea absoluta será este venres 13 e sábado 14 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña (entradas en ataquilla.com). Dirixe Quico Cadaval a partir do texto A resistible ascensión de Artur Ui, da autoría de Bertolt Brecht, importantísimo dramaturgo do século XX.
«Artur Ui, o ovo da serpe é unha parábola. E como toda boa parábola, fala de algo que coñecemos ben», trasladan dende Talía. O ascenso dun monstro, os autoritarismos, e os «honestos cómplices do fascismo». Se Brecht situou a trama en Chicago, Talía Teatro e Quico Cadaval levan a acción ao Extremo Oriente. Co subtítulo da peza, o ovo da serpe, chaman a atención sobre a idea de que o mal, cando é pequeno, aínda pode ser esmagado. En definitiva, unha sátira, unha posta en escena ambiciosa, humor, ironía, reflexión crítica, unha produción de gran formato con todo o equipo artístico da compañía, co selo que xa define a unha premiada compañía con máis de tres decenios. Teatro político, popular e divertido. Conta esta nova montaxe cunha axuda de Agadic á creación escénica.
CON NOMES PROPIOS
O elenco está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo. A escenografía e iluminación levan a sinatura de Dani Trillo; o vestiario e maquillaxe son obra de Martina Cambeiro; o espazo sonoro está a cargo de Manu Abraldes, coa colaboración de Marcos Orsi na dirección de movemento e Marcos Ptt na videoescena.