Iván Pérez: «'Theotokos' é un disco moi diverso en estilos»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CEE

Iván Pérez, arroupado o pasado 8 de decembro na presentación oficial de «Theotokos»
Iván Pérez, arroupado o pasado 8 de decembro na presentación oficial de «Theotokos» BASILIO BELLO

Gentes del Finis Terrae | Asegura o ceense, coordinador de sancristías da Unidade Pastoral de Cee, que a coroación da Virxe da Xunqueira foi para el «soño cumprido»

21 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Xaneiro do 2026 avanza e, por que non, aínda hai que seguir procesando novidades que trouxo a recta final do 2025. É o caso de Theotokos, un disco visual de temática relixiosa da autoría do ceense(1992):

—Arranca o 2026 e seguimos a falar de «Theotokos». Está ben.

—Si, e é de feito un traballo que vai ter moita presenza neste ano, pois como dixen naquel momento, unha parte do proxecto é este disco visual, pero falta outra, que irá publicándose este 2026. Digamos que é un dobre disco.

—Cando, como e por que a idea?

—Este disco vén dende o 2022, cando entramos no Ano Xubilar da Xunqueira. Houbo entón dous proxectos discográficos, nos que participei con dúas cancións miñas. Foi aí cando xurdiu a chispa da composición. Teño outras que non son de temática relixiosa, e espero que tamén vexan a luz, pouco a pouco van collendo vida, neste mesmo mes de xaneiro estou traballando en tres temas. Foi algo así como unha bóla de neve, pouco a pouco medrou ata chegar a este punto.

—Sendo, como di, de temática relixiosa, tivo nas portas do Nadal inmellorable intre de presentación.

—Efectivamente, porque a temática desta parte visual, en torno ao nacemento de Cristo, tiña neses días unha data moi axeitada.

—E en canto a sonoridades, ritmo...? Que buscou en «Theotokos»?

—Moita diversidade de estilos musicais. Non quixen que fose simplemente pop, por exemplo. Tamén hai un pouco de rock, hai un pouco de música típica portuguesa... Para todos os públicos.

—Como está sendo a acollida? Cal é o feedback que lle chega?

—Moi bo, a verdade. A xente non esperaba este traballo e tamén quixen xogar con iso. Mantíveno oculto ata súa publicación. Eles, sorprendidos, e eu moi agradecido por ese cariño que recibín dos meus veciños e de toda a xente que o puido e pode escoitar xa.

—A afección polo canto vénlle de atrás. Cando a descubriu e como a veu traballando?

—A música gustoume dende pequeno, pero foi na adolescencia cando tiven o impulso. Foi aí cando coñecín novos xéneros, comecei a investigar e pouco a pouco a meterme no ambiente musical.

—No apartado visual deste traballo destacan tres localizacións: Santa Baia de Chacín (Mazaricos), a ría de Lires e o estudo de gravación.

—Quería ofrecer distintos ámbitos. Un deles correspondería á escenificación relixiosa ou bíblica, de aí as ruínas da igrexa de Santa Baia. Cristo naceu no medio da pobreza, e por iso a elección dun templo en ruínas. Unha igrexa nesas circunstancias é tamén unha chiscadela aos cristiáns que sofren persecución. Outro apartado sería a narración da palabra de Deus, e iso é o que transcorre na ría de Lires. Temos en Cee a ría máis pequena de España. E por que unha ría pequena? Porque a palabra de Deus aos ollos humanos pode ser un libro calquera, pero se entramos nel atoparemos unha inmensidade, tal cal nesa ría de Lires que desemboca no océano Atlántico. Cada ubicación, tamén o propio estudo de gravación, ten un significado: neste último caso simboliza todo o proceso creativo.

—Quen protagoniza esa parte visual de «Theotokos»?

—Estou nunha parte eu, na da narración Sofía Trillo, tamén ceense, e logo na parte da escenificación diferentes colaboradores, mocidade desta zona e algo máis alá. De San Xosé fai un mozo de Carballo e de María, unha moza de Santiago, de onde tamén é o bebé, porque tamén hai bebé [ri].

—Pensou nun público concreto ao que quería dirixir o traballo?

—Non hai para nada unha idade, é escoitar unha historia que, penso, todo o mundo pode disfrutar.

—E logo deste lanzamento, haberá interpretación en directo?

—Agardo que si, é algo que estou visualizando. O mellor sería facer unha primeira toma de contacto en acústico, pois o xeito no que me gustaría presentar o traballo en directo é bastante complicado por agora. Se o álbum que fixen é visual, tamén o espectáculo que teño na cabeza o sería.

Iván Pérez, en la procesión de la Xunqueira de Cee
Iván Pérez, en la procesión de la Xunqueira de Cee BASILIO BELLO

—A Iván, máis alá desta vertente, coñéceno por ser o coordinador de sancristías da Unidade Pastoral de Cee, que ten como rector a Desire Kouakou. Cal é o seu labor?

—Basicamente, coordinar a axenda das sete parroquias, algo moi complexo. Manexar datas, festas conxuntas, patronais, acompañar á xente na elaboración do programa anual en cada unha delas...

—Xa só na de Santa María da Xunqueira traballo non lle falta.

—Non! Foron moitos actos nos últimos tempos, e dende dentro vívoo con moita ilusión. A coroación da Virxe é algo que, por exemplo, sempre tiven na miña cabeza. Propúxenllo a Desire, aceptou a situación e para min foi un soño cumprido, chegando logo moitas outras cousas a consecuencia deste momento.

—Estudara Administración de Empresas na Universidade de Santiago. Pensara nalgunha ocasión en rematar con estes quefaceres?

—Para nada! O que si é que estou moi agradecido da formación que teño, cun papel importante á hora de facer esta coordinación.