Cee fará aínda máis eterno a Mon Rey

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CEE

Mon Rey foi bibliotecario en Cee durante 33 anos
Mon Rey foi bibliotecario en Cee durante 33 anos Jose Manuel Casal

«O eterno bibliotecario» terá dende o vindeiro sábado 15 de novembro unha sala co seu nome

09 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 15 • A sala da hemeroteca e fondo local da biblioteca pública Francisco Mayán de Cee será nomeada o vindeiro sábado 15 de novembro como Sala Mon Rey Senra. Dando cumprimento ao aprobado pola corporación en pleno este pasado verán, será este un homenaxe a quen durante 33 anos foi bibliotecario do Concello de Cee. José Ramón Rey Senra, Mon, faleceu hai uns meses, en abril.

O acto, segundo adiantan dende o consistorio, botará a andar ás 12.00 horas, no auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura. Constará de dúas partes. Na primeira intervirán Miro Villar, profesor de literatura e escritor, e Víctor Castiñeira, técnico de xestión cultural e durante moitos anos compañeiro de Mon. É de prever que esta semblanza deixe para o público un bo número de anécdotas ligadas a vida e traballo do que dende Cee reivindican como «o noso eterno bibliotecario».

A continuación virá unha actuación musical preparada para a ocasión, a cargo de Fernando Fraga, profesor de acordeón do Conservatorio da Coruña e director da Escola Municipal e da Banda de Música de Cee, así como Martín Castiñeira, membro da banda e alumno de quinto no Conservatorio, especialidade de clarinete.

Concluído este primeiro apartado do tributo, o espazo de homenaxe trasladarase á propia biblioteca municipal Francisco Mayán. Alí, coa intervención de Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, terá lugar o solemne descubrimento da placa que dará o nome de Mon Rey á sala da biblioteca que ata o de agora era a de hemeroteca e fondo local. Con este acto quedará selada a gratitude do consistorio e do pobo de Cee, como xa teñen trasladado diferentes voces logo do seu pasamento, cun home fundamental para a cultura.

Formación, trato persoal e excelente cronista de Cee

José Ramón Rey Senra (1963-2025) era licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Fíxose cargo da biblioteca municipal como auxiliar administrativo o 2 de xaneiro de 1989. Anos despois promocionou ao grupo C e, finalmente, por titulación e dedicación, accedeu ao grupo A2, o último que ocupou. Foron 33 anos de dedicación.

«Mon foi testemuña dos acontecementos máis importantes da vila de Cee dende os 90. A súa formación humanística e excelente trato persoal con intelectuais como Baldomero Cores ou Francisco Mayán, e por suposto cos escritores e escritoras de Cee e contorna, fixo que estivera presente na gran maioría dos eventos do noso concello», describen dende Cee. Sempre pendente do que se publicaba sobre a vila, a Rey Senra débeselle tamén a creación do fondo local sobre a biblioteca, así como artigos varios sobre a historia local a partir de investigacións nos libros de actas dos plenos.