O instituto Agra de Raíces de Cee conmemorará este maio o seu 50.º aniversario

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

O centro educativo programou varios actos para o 30 e 31 de maio, ademais dun mural e mesas de conversa xa celebradas durante a Semana Cultural. Sumarán ademais un libro

22 may 2025 . Actualizado a las 23:32 h.

O instituto Agra de Raíces de Cee ten organizados para próximos días unha serie de actos con motivo do seu 50.º aniversario. Estarán abertos ao público, especialmente a aqueles que tivesen ou teñan relación co centro. As iniciativas súmanse a unha serie de conversas con exalumnos que xa se levaron a cabo na Semana Cultural de finais de abril, e tamén se engaden á colocación dunha pancarta na fachada do centro facendo referencia ao medio século, así como a un mural na entrada ao instituto que as vindeiras xornadas comezará a trazar a exalumna e deseñadora gráfica Laura Suárez, con raíces tamén no municipio dumbriés.

Os actos previstos por este aniversario foron acordados por unha comisión que inclúe a diferentes persoas representativas da comunidade educativa do IES, así como ao Concello. Serán, fundamentalmente, tres, o primeiro deles a edición dun libro colectivo no que participarán diferentes escritores e escritoras vinculadas a este instituto. En segundo lugar, unha mesa redonda30 de maio, 10.30 horas, Casa da Cultura—, igualmente con exalumnos e baixo o título Un percorrido pola historia do ensino secundario e preuniversitario en Cee e na comarca. Moderará Pepe Formoso e intervirán Artur Trillo, Jorge Lariño, Sabela Ramos e Laura Suárez.

O exministro Francisco Caamaño; a alcaldesa, Margarita Lamela, e o director do IES, Manuel Antelo, finalmente, participarán dunha conferencia o sábado 31 de maio, ás 18.30 na Casa da Cultura: Os anos decisivos, coñecemento e diversidade. Uxía Santos (voz), Alba Trillo (piano) e as cantareiras Uxía, Antía, Aldara, Nuria, Xulia, Carla e Ana sumarán talento á velada. Dende o Agra de Raíces sinalan a influencia que tivo o centro na sociedade, favorecendo a igualdade de oportunidades.