«32 m2», traxicomedia sobre o confinamento, pasará mañá por Cee; en breve, tamén por Noia e Boiro. Sobre este proxecto, nacido durante o peche, fala a propia autora do texto
26 mar 2021 . Actualizado a las 04:14 h.
Mañá, 27 de marzo, conmemórase o Día Mundial do Teatro. En Cee vivirán a xornada como debe ser, con dramaturxia e, ademais, ben apegada á actualidade. Os espectadores gozarán na Casa da Cultura (20.00 horas) de 32m2, o novo espectáculo da plataforma ButacaZero, un proxecto de Esther F. Carrodeguas e de Xavier Castiñeira. Ambos dirixen esta peza con texto de Esther (Rianxo, 1979), unha traxicomedia sobre o confinamento, teatro do absurdo que nace das súas experiencias durante o peche e que Nuria Gullón e Xurxo Cortázar levan ao escenario encarnando a Mar e Xan.
Arroupados pola música orixinal de Rodrigo Cuevas, o que se propón coa obra é unha viaxe a un pasado recente (ou non tan pasado) coa idea de xerar algo así como unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou á sociedade. Precariedade, soidade, abandono, a complexidade das relacións interpersoais, o estrés e o ritmo daquela vella normalidade... todo isto colle en 32m2, que mesmo incita a unha ollada para sandar. As funcións, ao abeiro do que deron en chamar Xira confinada, serán en Cee e Pontevedra, mais en abril pasará a obra por O Barco, Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa, Redondela ou As Pontes. Falou en Radio Voz Bergantiños Esther F. Carrodeguas.
-Tempo curioso para o teatro.
-Está a ser un momento complicado, cunha avalancha de cambios que afectan ao traballo diario e ao contacto co público. Aínda que seguimos facendo teatro, e aínda que en Galicia e en xeral en España somos privilexiados, porque en Europa os teatros están pechados, tendo un 30 % de público diante, a cousa cambia.
-Volvemos na obra, a aquel confinamento de marzo.
-Queriamos traballar con distancia sobre o que nos pasara o ano pasado, aínda que resultou que a distancia non foi tanta, porque seguimos inmersos en todo isto. Apetecíanos abordalo dende a precariedade á que conduce a moitas vidas, a moitas persoas que teñen ou non casa. Parecíanos unha das principais problemáticas e quixemos darlle unha volta, rirnos tamén, pero sen esquecer que o tema é unha pandemia, as mortes, a vida, o futuro. Quixemos que a xente lle puidese dar unha volta na súa cabeza, quizais comezar a curar feridas, rir, chorar se fai falta... Facer un pouco de teatroterapia: como non somos sanitarios e non podemos axudar doutra maneira, tratamos de facelo deste xeito.
-Teatro do absurdo, pero real.
-Ese foi o punto. Cando decidimos empregar como xénero o teatro do absurdo, o que nos pasaba era que estabamos, estamos, vivindo un absurdo. O xénero, de repente, era realidade. A nosa vida meteuse dentro dunha obra de Beckett: é moi raro ter que estar pendente cada día do DOG, cando a maioría nunca leramos antes un.
-A obra parte das súas experiencias. Foron 32 metros cadrados?
-Temos un piso algo máis grande, pero para facer a obra sempre elevas un pouco, de xeito que estrés e vivencias estean máis concentradas e cheguen os personaxes a límites máis grandes. Con todo, foi unha experiencia dura, da que tirar rédito. Foi real. Esta fin de semana pasada estiven en Madrid por traballo, nunha habitación, nun primeiro piso, non entraba nin luz e o aire estaba como dez pisos máis arriba. Houbo xente que pasou o confinamento así: ese é o drama, a reflexión sobre que tipo de sitios habitamos cando temos unha vida moi apegada a fóra. A maioría do tempo non o pasamos na casa, como moito na cama, e eses espazos a veces non son moi humanos.
-Como recibe o público a obra?
-Hai unha recepción moi interesante. Por un lado está a comedia, a parte dos absurdos, a parte do papel hixiénico, dos memes, do estar pendente do que diga o presidente, do aledarse de non ter que traballar... Hai unha identificación forte con ese absurdo, moito riso. Pero, claro, isto é unha comedia sobre o confinamento, mais unha traxedia sobre a vida, e aí entón hai unha recepción emocional: empatía coas persoas que quedaron soas, sen casa, afectadas pola morte. A recepción é aínda máis interesante se temos en conta que, pese a que concibimos isto como unha historia sobre o pasado, en realidade é unha historia do presente. Tanto o riso como o pranto son dúas accións que sandan. Esa foi a nosa aposta: rir e chorar para avanzar, para evitar que as cousas se enquisten, o bloqueo que afecta a moitas persoas. Por tanto, unha invitación a ir ao teatro e a sentir todo isto, a sentilo en comunidade hoxe que non hai moitos sitios onde estar deste xeito. Dende ButacaZero, dende o comezo de todo, reivindicamos o teatro como espazo seguro.
-O encerro non lle foi mal.
-Para min foi unha época moi creativa: moitas veces, polo estrés da vida convencional, non tes tempo de sentar, ler, documentarte, facer proxectos con máis calma. Durante o confinamento escribín dúas obras [Feminíssimas e República sideral, unha farsa de títeres sobre a independencia da Illa de Arousa que gañou o Premio Barriga Verde], e preparei a produción desta. Todas as crises xeran movemento e, na arte, moitísimo. É un momento de forza porque te tes que agarrar a algo e tirar.
As entradas para Cee. 3 ou 5 euros. Reservas de luns a venres no segundo andar da Casa da Cultura (de 09.30 a 13.30) ou na biblioteca (de 16.30 a 19.30).