Vinte anos non é nada...

VÍCTOR M. CASTIÑEIRA CASTRO

CEE

Víctor Manuel Castiñeira Castro, no interior da Casa da Cultura de Cee, con vistas á ría<span lang= es-es >. </span>
Víctor Manuel Castiñeira Castro, no interior da Casa da Cultura de Cee, con vistas á ría. marcos rodríguez< / span>

Una serie de lembranzas dos anos previos á miña vida universitaria

12 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vinte anos non é nada... Así nos cantaba Carlos Gardel no seu famosísimo tango, Volver, pero para as persoas este período de tempo soe equivaler a una cuarta parte do seu tempo vital. Vanse cumprir vinte anos do remate dos estudos da licenciatura en xeografía e historia dun rapaz de Xallas-Cee que daquela emprendía viaxe á Universidade Pontificia de Lima en Perú grazas á obtención dunha bolsa de estudos concedida tras valorar os méritos reflectidos no seu expediente académico. Pero esa é outra historia? O que eu quería compartir con vós, aproveitando a amable invitación deste xornal, é unha serie de lembranzas dos anos previos á miña vida universitaria.

E vénme ó pensamento outra coñecida canción, neste caso do grupo valenciano Presuntos Implicados, aquela que dicía Como hemos cambiado? Vivimos no tempo do whatsapp, do selfie, twitter, facebook?, en definitiva, tempo do falar cos amigos e da información ó momento, enterándonos do que pasa a milleiros de quilómetros ó mesmo tempo do que acontece no noso lugar de residencia. Isto, que é o máis normal do mundo para un estudante actual da ESO ou do Bacharelato, era impensable para a xente da miña xeración a finais dos 80, como tamén o eran os teléfonos móbiles, internet e tantas outras cousas que se me tivesen contado que ían a suceder, seguro que pensaría que me estaban a falar dunha película de ciencia ficción.

As persoas tendemos a idealizar a nosa infancia e xuventude facendo que se cumpra aquela sentenza bíblica «priora tempora, meliora fuere quam nunc sunt», popularizada no século XV por Jorge Manrique nos versos dedicados ó seu pai tras o seu pasamento:

Recuerde el alma dormida, avive el seso e despierte contemplando cómo se passa la vida, cómo se viene la muerte tan callando; cuán presto se va el plazer, cómo, después de acordado,  da dolor; cómo, a nuestro parescer, cualquiere tiempo passado  fue mejor.

Aos que tivemos a sorte de aprender literatura española no bacharelato con Manuel Castiñeira, o mestre de Lires, seguro que a lectura destes versos lle traerán moitas lembranzas, porque con el coñecemos ós grandes autores e obras das letras hispanas dunha maneira moi especial. As súas clases non deixaban indiferente a ninguén e sempre tiñas que estar pendente ata dos máis mínimos detalles para non perderse algo fundamental que nos cambiaba a forma de pensar e sentir os textos. As miñas inquedanzas sempre estiveron máis próximas á lingua, literatura e, por suposto, á historia. Quizais por iso, gardo moi boas lembranzas de mestres como dona Maruja e dona Conchita (Concha Blanco), no colexio Eugenio López, e do xa citado don Manuel, Ana María Souto... no instituto. Neste centro tamén aprendín a contemplar o ceo con outra mirada, grazas á serie Cosmos de Carl Sagan e ó sabio maxisterio das clases de astronomía do profesor de matemáticas, Jesús Garea. Con dona Ana María, aprendín historia en terceiro de bacharelato e arte en COU. Creo que foron os seus dous últimos cursos antes de xubilarse, e lembro con nitidez como todos os rapaces non sabíamos que facer para copiar os apuntes de todo o que nos ensinaba, porque, aínda que falaba moi baixo, facíao a gran velocidade e sen parar, polo que as súas clases estaban cheas dunha inxente cantidade de datos. Seguramente delas naceu o meu gusto pola carreira de historia. A ela cheguei despois de tres días de exames en Santiago, os da para nós «temida» selectividade. Para facela era habitual alugar una habitación nunha pensión, ou hostal xa que a viaxe entre Cee e a capital de Galicia, no Transportes Finisterre, duraba dúas horas e media naquela época. Para a maioría dos estudantes era a primeira vez, coa excepción da excursión de fin de curso, que estabamos tanto tempo fóra da casa lonxe da familia e ademais coa tensión e os nervios dos exames?

Hoxe en día, cando vexo ós rapaces da nosa comarca aprender, traballar e tamén xogar empregando ese gran mundo de posibilidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías e realizar os exames da selectividade nas aulas do instituto de Cee, sen as incomodidades de antaño, só podo volver lembrar a Sole Jiménez cantando Como hemos cambiado?

«Só podo volver recordar a Sole Jiménez cantando ?Cómo hemos cambiado...?»

Víctor Manuel Castiñeira (Xallas-Cee, nacido o 1 de maio de 1972) é técnico de Cultura no Concello de Cee. Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, obtivo o grao pola tese «Dinámica sociodemográfica del finisterre gallego, 1600-1860». Superados os estudos da especialidade en Historia Moderna, acadou despois os de Biblioteconomía e Documentación. Desenvolveu un importante labor investigador e os seus estudos céntranse na comarca de Fisterra, aínda que ten feito outros traballos e é autor ou coautor de diversas publicacións, como «Historia de Cee», dirixida por Baldomero Cores.