«Coa feira de Cee o que buscamos é impulsar o pequeno comercio»

E. E.

CEE

20 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Anuska Vázquez Díaz (Cee, 1971) é a vocal de comercio da Asociación de Empresarios de Cee, forma parte da recentemente renovada directiva e é unha das organizadoras da primeira feira das oportunidades que se celebrará na localidade, mañá e o domingo, en horario ininterrompido de dez da mañá a nove da noite.

-¿Cal é o obxectivo que persegue a asociación con esta feira?

-Cando nos metemos nisto o que buscabamos era impulsar o pequeno comercio. Non había unha cohesión entre os empresarios e pareceunos unha boa idea.

-¿E por que unha feira de oportunidades?

-As feiras outlet están tendo moito tirón noutros lugares. Ademais, é importante tamén a nivel de convivencia entre os empresarios. Si conseguirmos facer un grupo unido, entre todos tiraremos para adiante. Ese tamén é un dos motivos de que se faga. A ver se conseguimos estar un pouco máis unidos.

-¿Que poderán atopar os clientes que se pasen mañá e o domingo por Cee?

-De todo (son máis de 40 tendas), desde librería ata complementos, bolsos, agasallos para o Nadal para quen queira aforrar un pouquiño e moitas máis cousas.

-¿Que será o que se venda?

-Son todo produtos de tempadas anteriores ou que teñen algunha pequena tara. Todos temos nos almacéns ese tipo de cousas e chegou a hora de sacalas. Os descontos van a ser moi importantes. Moitos produtos están entre un 40 e un 50% por debaixo dos seus prezos.

-¿Leva moito traballo organizalo todo?

-Levamos traballando moito tempo e hai moito de coordinación. Hai que ocuparse do mobiliario, da moqueta, do seguro, da zona para os nenos, a cantina, a seguridade pola noite. Son cousas que levan tempo e que precisan moita coordinación, pero é unha experiencia moi interesante e a nosa idea é facer unha por ano e ir mellorando coa experiencia.