O avó

ELISA ÁLVAREZ CASAIS

CEE

ARA SOLIS | O |

31 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ONTE DETIVEN o coche no paso de cebra que hai diante do hospital de Cee. Sabina sonaba na radio, mentres un home de idade avanzaba e, con visible dificultade, atravesaba, axudándose dun bastón, un paso que para a miña idea se lle antollaba longuísimo. Na outra beira, de costas a situación, un rapaz ben nutrido, ben vestido, patillas moi coidadas, bo corte de pelo, ollaba de reollo como se aquel vello non fose con el. Estou ben segura de que non fixo o mesmo o día que o seu abuelito o levou a Caixa de Aforros para mercarlle un bo coche ao rapaz. Aí si que non escatimou bicos e aloumiños. Neses intres dinlle a volta á situación uns quince anos. O avó, orgulloso, axudándolle a cruzar o paso de peóns ao neto, amodiño, sen présas, agarrándolle ben forte a maíña, non fose que o neno se soltase e houbese unha desgraza. De ningún xeito, sería impensable deixalo atrás. ¡Case cambiamos! Por iso, noutra ocasión, chamoume tanto a atención cando vin que un rapaz, tamén novo, axudaba a cruzar a súa avoíña toda dobradiña polos traballos, colléndoa pola man tan agarimoso, dándolle tempo, sen présas, causoume moita tenrura, porque, aínda que son os menos, dá gusto velo.