O carballés Xabi Cancela, coordinador de Queremos Galego en Bergantiños
CARBALLO MUNICIPIO

A plataforma celebrou plenario o venres no Casino de Carballo. Centrarán esforzos en divulgar a mobilización do vindeiro 23 de febreiro
05 feb 2025 . Actualizado a las 19:44 h.O plenario da plataforma Queremos Galego en Bergantiños, celebrado no Casino de Carballo, deixou como unha das principais novidades a elección dun novo coordinador para a entidade, Xabi Cancela, que substitúe a Hadrián García, ata o momento neste cargo, de forma interina. Filólogo e docente, terá como compañeira de traballo á tamén filóloga Fátima Souto, que renovou na portavocía da plataforma logo das eleccións alí celebradas.

Ademais deste punto, no encontro acordouse centrar esforzos na difusión da mobilización prevista para o vindeiro 23 de febreiro en Santiago, e tamén se debateron medidas urxentes e puntos mínimos para reverter os malos índices de emprego do idioma galego. Seguindo coa idea deste plenario como «punto de encontro» para reactivar Queremos Galego na comarca, quedou tempo para formular ideas novas e incluso para facer algo de autocrítica.