As montañas da lembranza | Escribe José Manuel Menéndez

josé manuel menéndez

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Menéndez, onte, durante unhas xornadas sobre a píllara no litoral carballés
José Manuel Menéndez, onte, durante unhas xornadas sobre a píllara no litoral carballés ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | « (...) Todas as montañas, cada recuncho delas, teñen o mesmo prestixio. Ningunha é máis que outra e todas elas teñen a autoridade que lles outorga o vento e as alturas. As siluetas transmiten tranquilidade, harmonía, protección (...)».

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A s pedras talladas polo vento de Soneira emerxeron do inferno para abrigar do nordés o lugar de Pasarela. Sentado no tornarratos dun cabás da aldea, teño todo o tempo do mundo para contemplar Os Penedos dende a baixa. O sol intenso do día vaise escapando ás miñas costas, e píntame as agrestes figuras graníticas dunha cor alaranxada que semella no solpor a caliza de Peñamayor, na conca asturiana do Nalón.

Non quero que pase o intre de lembranza. Pecho os ollos. Podería estar en El Campu de L’Azorea Cima mirando a mole caliza dos 1.300 metros de altura da serra asturiana. Intúo o arrecendo a tomillo e as chocas das vacas, apostando polo pasto agora que chega a fresca da noite.

Entrando no coche en Carballo, a rúa Vázquez de Parga debúxame un camiño de traza recta. No máis fondo da vía, as montañas emerxen dos tellados das casas. É fácil evadirse e imaxinarme deitado alí, no Monte do Castelo, mirando o silencio da lagoa de Alcaián.

O ceo vai recurtando os horizontes montañosos do País Bergantiñán dende oriente a occidente, pechando un territorio aberto ao mar. Unha identidade que me envolveu con agarimo dende fai decenios. Un berce de agras fértiles e terra roxa ao arar. De alimento e liberdade labrado durante milenios ao compás da brétema e o nordés.

Ana Garcia

E adrede, refuxio tamén a miña mente no máis profundo do asturiano val do Nalón, un lugar no que me atopo a diario física ou mentalmente. Acóllome nunha infancia sempre doce en Los Barreros. Erguendo a mirada ao semáforo son capaz de albiscar no maxín o propio monte de Los Mártires cando o miraba dende as rúas da barriada mineira. Aulas de aprendizaxe solidario. Incluso son quen de cheirar o carbón asturiano dende as propias beirarrúas da capital bergantiñá.

Necesidade de horizontes

A evasión mental realízame acotío unha viaxe polas montañas. Podería voar tamén pola de Entrecruces ou Couso, polo monte de Cambre, do Quinto ou de Varilongo. Sentir as meigas dende o balcón de Monte Neme. Cambiar o Monte Branco polo Picu Blancu astur, Montemaior por Peñamayor e o Pico de Meda pola Peña Mea de Llaviana.

A necesidade de horizontes desiguais e recortados persígueme dende o colexio Maximiliano Arboleya de Los Barreros, deitado a carón do río Nalón. Dende alí podía ver Peña Mea, El Retriñón, e unha cantidade grande de mundo en altura. Explorar coa vista, dende pequeno, as metas a conseguir máis adiante.

Froito do desexo de escaladores ou alpinistas, as montañas son o destino do camiño. Son a utopía pola que camiñamos, un dos motivos para facelo. Todas as montañas, cada recuncho delas, teñen o mesmo prestixio. Ningunha é máis que outra e todas elas teñen a autoridade que lles outorga o vento e as alturas. As siluetas transmiten tranquilidade, harmonía, protección. Albergan a seguridade dun territorio con capacidade histórica de defensa agreste ante as feras maquinarias a gasoil, de fácil traballo nas chanceiras. Refuxio de natureza e de panorámicas coas que divisamos o mundo no que vivimos. Balcóns de osíxeno limpo e vento de liberdade.

Pero a diferencia coa conca do Nalón, nas montañas de Bergantiños sempre saíu cruz, incluso na burda e moderna disxuntiva fronte ao mar. As elevacións foron lugar de culto e magnetismo ao longo da historia. Sitios de veneración do sol, da auga e do vento. Mais na actualidade, afogadas en eucaliptos, as bergantiñás só soen lograr escenarios de ocio turístico domingueiro. De grellas, cervexas e balsas contaminadas.

A avaricia dos cartos

Aínda así, dende cada unha destas montañas, aínda podo viaxar a Asturies a través do imaxinario. O meu recurso segue intacto e sérveme para a catarxis, a relaxación e para parar as agullas dun reloxo que xira cada vez más rápido. Para soñar esperto. Pero chega un intre de pesadelo. Como noutro soño máis, o futuro ameaza con estoupar en mil anacos os nosos horizontes. O agreste das montañas non vai ser por si só capaz de parar a febre pola venda de enerxía eólica. A avaricia dos cartos. Os nomes de montañas de Soneira e Bergantiños serán feridos por lanzas de ferro das que non somos nin capaces de imaxinar a altura. Custaría traballo referirse a algunha montaña que non teña un proxecto de prostitución forzada.

Se esperto vexo o medo na veciñanza. Non é sinxelo imaxinar Bergantiños cheo de ferros de 200 metros, pistas para trailer e liñas de alta tensión. Unha sucesión de enormes barrotes ameaza con perimetrar a comarca e converter o berce agrícola nun cárcere eólico sen saída. As nosas montañas cambiadas por un cemiterio de chatarra a través dunha aposta eólica que, como a avaricia, parece non ter fin.

ANA GARCIA

Na montaña de Bergantiños segue a saír cruz. Mais dende estes outeiros fun capaz de ver como a Férveda de Entrecruces non se converteu en central eléctrica. Dende Pasarela fun quen de ver pasar o tempo sen canteira nos Penedos. No Monte Branco contemplar como o Esteiro segue sen papeleira e Corcoesto sen minaría contaminante. Tamén Caliao, en Asturies, sen embalse no parque natural. Proxectos que non tiñan volta atrás pero que foron dilapidados coa unión da veciñanza.

O maxín vólveme de novo: desta volta aparéceme unha muller de chandal, botas de auga, e pano na cabeza. Unha muller con capacidade de sentir a liberdade dende a propia terra que lle dá de comer. Con destreza para a fouce e forza co machado. Coa mirada fixa e os pes na terra. Ao lado un tractor de leña, diante un cabás.

Vexo outra. Outra. Moreas...

Volveremos parar a destrución do medio como fai anos. Décadas. As nosas aldeas seguirán libres de cárceres. Uns iniciaron xa o camiño. De fronte, ergueitos. Outros sumaranse para celebrar a vitoria.

DNI. José Manuel Menéndez. Naceu en Los Barreros (Llaviana, Asturies) o 8 de setembro do 1975. Reside en Carballo dende hai decenios. Preside a asociación ambiental Senda Nova, é guía de montaña, conserxe do Pazo da Cultura carballés e aprendiz de moitas cousas.