O Saint-Michel de por aquí

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

Empezo esaxerando: falouse case máis esta fin de semana sobre o monte e abadía de Saint-Michel ca do Barça-Madrid.

Si, é moi esaxerado. Pero se cadra si o podemos comparar coas eleccións andaluzas. ¿Comentaríase máis por aquí o illamento do promontorio normando, aí na liña coa Bretaña, que as loitas políticas de Bonilla e Díaz e compañía? Non estaría mal: debater sobre as grandes mareas, os espectáculos naturais (coma os eclipses) nas paraxes máis fermosas de Europa, a incidencia das forzas que sentimos aínda que non vexamos... Polo menos xa foi unha gran ocasión para que moitos descubrisen a impactante abadía. Ao lonxe, máis que de cerca. Subir por aquela rúa tan estreita ateigada de turistas e tendas lembra máis á feira de Carballo ou Cee en hora punta que a un dos grandes monumentos da Humanidade. Arriba, polo menos, todo se compensa cando che contan a historia e ves o que hai derredor, cerca e lonxe. Un illote para un lado, millo e vacas ao outro.

Sendo o que é, a min paréceme moito máis fascinante que as grandes mareas permitan acceder a pé a unha illa, que o feito de que impidan ir a ela porque soben as augas. Así tiña que ser sempre. Algo que ocorreu esta fin de semana, e algúns outros días do ano, no illote do Castelo ou Herbosa, en Touriñán. Esa sensación de pisar os bolos que levan pulíndose miles de anos facendo un verdadeiro camiño de pedra peninsular é unha ocasión única en Galicia que, por sorte ou non, segue sendo descoñecida para moitos. E tamén alí houbo fortalezas, ou iso parece. Hai quen fala de dominios relixiosos, non sei se botándolle imaxinación ou non. Pero que non falte: que faríamos no último cacho de terra deste finisterrae sen algo que imaxinar e que soñar, sobre todo á caída do sol.

Así que, á falta de estar estes días aló polas bretañas e as normandías, que tamén dan para voar moito os pensamentos, afortunados aqueles que subiron ata o pequeno cumio do noso Saint Michel. E máis afortunados se volveron a tempo, antes da marea!