O Concello fixo este mércores un completo avance da programación: o encontro, do 1 ao 5 de abril
12 mar 2026 . Actualizado a las 11:59 h.Do 1 ao 5 de abril • O Concello de Camariñas vén de dar a coñecer unha boa parte do programa da que será a súa 35.ª Mostra do Encaixe, coma sempre en Semana Santa, este ano do 1 ao 5 de abril. Leva por lema Onde o fío se converte en arte, e a intención global pasa por destacar ao municipio como punto «onde late con máis forza o corazón da artesanía de Galicia». Un obxectivo que plasmaron os irmáns Pedro e Estefanía Orgaz, gañadores do concuso de Noveis Deseñadores 2025, no cartel que fixaron para este 2026 actual.
Será unha edición marcada por un pleno inicial da corporación, no propio recinto da Mostra. O 1 de abril, ás 15.15 horas, antes da inauguración oficial, ratificarase nesa sesión o cambio de nome da Avenida Ambrosio Feijoo, que pasará a ser Avenida das Palilleiras. A apertura institucional, con autoridades, está programada para as 16.30 horas, co encontro de encaixeiras e encaixeiros e os primeiros desfiles, como o PequEncaixe ou os grandes Deseñadores. Entre medias, o talento de Luar na Lubre.
As pasarelas
Os desfiles téñense convertido dun tempo a esta parte nun dos grandes reclamos da Mostra. Haberá varios:
- Grandes deseñadores. Iranse dando a coñecer nos vindeiros días. Algúns son nomes xa consolidados na historia do encontro camariñán, e outros novidades. Haberá pases todos os días.
- Noveis deseñadores. As súas propostas debutarán o día 2 de abril: é a 32.ª edición do concurso, que repartirá 4.500 euros e no que participarán 34 mozos e mozas. Manterán o venres 3 un encontro con grandes deseñadores e o fallo do xurado coñecerase o domingo 5, último día, a partir das 16.30.
- ArtEncaixe. Segue afianzándose no programa, a primeira sesión o día 2 ás 12.45 horas. Sobre a pasarela, pezas de artesáns de diferentes puntos de Galicia, amosando a versatilidade do encaixe e a súa capacidade de adaptación a distintos materiais.
- Encaixeiras Internacionais. Volven as delegacións doutros países, nunha sorte de irmandande do paillo. Primeira sesión o xoves 2 ás 18.00. Repetirán o venres (16.45) e o sábado (18.00).
- PequEncaixe. É do máis agardado da Mostra. Nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para logo deseñar e desfilar en Semana Santa. Haberá pases o mércores 1, o xoves 2, o sábado 4 e o domingo 5: 18.00, 12.45, 12.30 e 19.00 horas, respectivamente.
- Encaixeiras Sénior Camariñas. A cita con elas será o domingo 20, último día, ás 19.00 horas, no acto de clausura. Veciñas e veciños do municipio amosan as creacións feitas durante o ano.
- E ademais... Espectáculo de costura en directo co deseñador andaluz Jose Perea. A creación dun traxe, en tempo récord. Perea é un dos confirmados para a pasarela de Grandes Deseñadores.
De Luar na Lubre a Antía Muíño
No musical, a Mostra camariñá incluirá diversidade: Luar na Lubre (día 1, 18.00 horas); o mozo de Camelle Sebastián Allones Dans (sábado 4, 12.30 horas); Mascarada O Cansorriño con Fíos de Salitre (domingo 5, 19.00) e Antía Muíño. Ofrecerá esta última o concerto de clausura, o domingo 5 ás 19.30 horas.
Varias citas co humor e co teatro
Sen restricións, sesión cómica de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, poderá gozarse o sábado 4 ás 20.30. Antes, o xoves 2 ás 20.30, haberá unha representación teatral a cargo de aAntena: Fíos da memoria. Por último, o venres 3 ás 20.30, a compañía de Camelle Mortos de Risa ofrecerá un monólogo.
Media ducia de libros para coñecer
Ata seis presentacións literarias na Mostra: as de Punto de araña, de Nerea Pallares; A princesa dourada, de Anxo Mouzo; Ángeles acusadores, de Diego Garrote; Ardentía 1854, de María López-Menéndez; El padre ausente, de Alfonso de Sas, e A Costa da Morte, naturalmente salvaxe, de Xan Fernández.
Musica tradicional e Zona Gourmet
Acompañán o encontro, no tradicional, Abrindo Rejo, Golpe de mar, Con toda en banda, Vaiche boa, Mar Devalado e As Cansorriñas. hai que sumar un Encontro de Corais. Volverá haber, tamén, Zona Gourmet, con postos de venda ao público e bar. Non falarán degustacións de polbo ou rodaballo, así como un parque infantil para os nenos.