«O encaixe expandiuse por toda a zona porque non se daba feito dabondo»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CAMARIÑAS

ANA GARCIA

O colectivo camariñán aproveita a historia do pobo como un valor a distintos niveis

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Con Olga Campos Sánchez (Camariñas, 1960) a Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas está vivindo unha época dourada en canto a traballo, implicación e iniciativas novas, como O Encaixe no Camiño desta fin de semana, que supón un paso máis adiante na posta en valor da historia e dos recursos patrimoniais do pobo.

-¿Como se consegue manter no tempo e activa unha asociación como a que vostede preside?

-Con vontade, traballo, ganas de facer cousas e interese por poñer en valor a historia, o patrimonio, a nosa natureza... Mirando sempre para diante. Tés que darlle prioridade a cousas e sacar tempo para o que cremos que é bo para a asociación e para o pobo, porque somos un colectivo sen ánimo de lucro e todo o que facemos é de xeito altruísta, con ganas de traballar.

-¿Foi un éxito implicar a todos?

-Cando nos entramos era unha asociación só de turismo. A unión fai a forza. O traballo de poucos non ten futuro. Pensamos que a única forma era aglutinar cantos máis socios de diferentes sectores mellor. Moitas asociacións pequenas non conducen a nada, a forza dánola estar todos xuntos: uns socios entran, outros danse de baixe, outros xubílanse... iso é así sempre.

-¿O encaixe, ademais dun sector en si mesmo, pódese dicir que é a bandeira de todos?

-Ten unha historia de séculos, polo menos con testemuñas escritas dende o XVI e interpretamos que incluso pode ser moi anterior. Indagamos moito e é cuestión de tempo seguir investigando, pero está claro que se trata dun emblema polo que Camariñas é coñecida no mundo enteiro, mesmo se di que o Titanic levaba encaixe de Camariñas cando afundiu. Aínda que se palilla en toda a zona, a interpretación que facemos é que isto se produciu porque non se daba feito dabondo en Camariñas e tivo que expandirse para confeccionalo. Nalgún momento aparece que se precisaban 200 palilleiras e está claro que non había tantas, de aí o de ir pola zona ensinando a palillar. Tamén foi un camariñán, un antepasado dos Pardiñas de agora o que levou o encaixe a América no século XVIII. Ademais, tendo en conta que quen máis o demandaba era a igrexa estaba claro que o tiña que ter relación co Camiño. Se non aparecemos no Códice Calixtino é porque non pertenciamos a Santiago, senón a Mondoñedo. A recreación da visita do rei Afonso IX vén por aí. Non dicimos que a visita fose por nada diso, pero si que abriu unha porta, un camiño, o que despois levaría a construción da ponte da Ponte do Porto para unir as dúas bandas do río.

-¿Como se organizaron os actos desta fin de semana e por que elixiron esta data?

-A data real é o 25 de xullo, pero trátase dun proxecto moi grande e custoso que superaba as capacidades da asociación. Pedímoslle unha subvención á Deputación da Coruña, a cal lle estamos moi agradecidos, e por iso decidimos facelo agora en setembro, porque aínda hai visitantes, para ter máis afluencia. É o primeiro ano e imos ter carencias, está claro, pero estamos tentando facelo o mellor posible, todo á man como quen di. Mesmo hoxe [por onte] estivemos poñendo os adornos nos negocios, pintando panos,...

-¿En que outros proxectos está metida a asociación agora?

-Conseguimos unha cesión do Castelo do Soberano por parte do seu propietario durante 15 anos. En canto se limpe o que imos facer é poñer en valor o que hai alí. Non se trata dunha gran intervención, uns paneis informativos e unhas pasarelas para que se poida visitar e coñecer o que hai alí, porque pensamos que o encaixe, o faro e o castelo -temos outras cousas: natureza, gastronomía...- son os nosos principais valores patrimoniais.