Cando vas por aí adiante ves de todo. É o que ten viaxar. Por moitos lugares de España sorprende ver que todo segue igual que hai 20, 30 ou 40 anos. Polo centro, especialmente, entendido centro como algo moi grande e ancho. Pequenos cambios, si, adaptacións ou obras necesarias, pero en sustancia todo permanece. E, se tes dúbidas, preguntas e xa chas aclaran.
Temos tendencia á escasa autoestima. Pero nesta comarca, en só 15 anos, pasou de todo. Xa non somos os mesmos. Pensábao onte mentres miraba as obras da autovía, tan avanzada que dan ganas de meterse xa por ela. Os exemplos son moitos máis. Quitando o caso de Lires, único en España, lembro a inauguración das primeiras casas de turismo rural da zona, aló polo 98 ou 99. As estradas actuais a Muxía, Camariñas ou Fisterra. O primeiro albergue, o fisterrán, un acontecemento. ¿Hoxe cantos levamos? ¿25? ¿30? O hospital de Cee, demandado tantos anos. O heliporto de Salvamento, logro histórico (en fin). A torre de control de salvamento marítimo en Berdeogas. O porto ampliado de Brens. Dombate cuberto. Museos a esgalla, que uns funcionan e outros non, pero polo menos aí están. Neste caso si que son máis listos os de ancha es Castilla, que polo menos cobran por ver dúas pedras xuntas e imos os turistas e pagámolas, e aquí seguimos co gratis total. Os vertedoiros todos desaparecidos. O parador lento. Os eólicos. O aproveitamento cultural nos concellos. As festas de entroido multitudinarias: antes, cero ou ningunha, agora unha morea. Os campos de fútbol con céspede artificial, por medio millón de euros cada un. ¿Cambiamos ou non cambiamos?