O Berro Seco

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CABANA DE BERGANTIÑOS

Ana García

01 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada primeiro de agosto ano tras ano, salvo por excepcionalidades como puido ser a pandemia, celébrase a romaría de San Fins do Castro na parroquia de Santo Estevo de Cesullas no concello de Cabana de Bergantiños. Arredor da capela do San Fins lévanse a cabo distintas actividades e rituais que, como é habitual en Galicia, combinan o relixioso, o profano e, por suposto, o pagán. Non en van esta terra está situada nos confíns dos verdes castros. Das diferentes e particulares tradicións desta romaría destaca sobre todas as demais o chamado Berro Seco. Desta tradición algúns din que foi recuperada polo crego don Saturnino Cuíñas, párroco daquel lugar durante moitos anos e un destacado estudoso do folclore galego. Tamén hai quen di que el mesmo foi o seu inventor. O ritual do Berro Seco consiste en anicarse collidos das mans para erguerse de súpeto berrando de menos a máis ata chegar a un forte aturuxo só rachado pola indicación do crego que estea dando a orde nese intre. Este feito débese repetir tres veces.

Quen aseguran que el foi o seu inventor argumentan que este ritual estaría inspirado nas tradicións da súa terra. Don Saturnino era orixinario de Cotobade (Pontevedra), onde a cantería era moi popular; ademais el coñecía perfectamente ese mundo xa que tanto o seu avó coma o seu pai eran mestres deste oficio. Así, din que o Berro Seco pode tratarse dunha simulación dos brados emitidos polo esforzo dos canteiros ao elevar as pesadas pedras. Outras teorías afirman que o ritual dos tres fortes berros podería tratarse dunha axuda para espantar os malos espíritos, e tamén están os que din que podería derivar dunha vella tradición de orixe celta milenaria. En calquera caso, don Saturnino Cuíñas fixo o milagre de que a romaría do San Fins do Castro e o Berro Seco sexan un dos eventos máis populares de Galicia. O mestre, crego, galeguista e folclorista, tocador de gaita e moitos outros instrumentos deixou fonda pegada con pouso. Agora compre entender ben esa pegada para que non morra dun éxito empobrecido con novas achegas que en nada a melloran e que non se converta no que moitas outras foron derivando tristemente.