Plumas con mando | Adolfo López | En tempo de pandemia

Adolfo lópez baña

CABANA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Faise especialmente necesario vivir o presente con aceptación e calma, escribe o presidente de Asociación Íntegro

21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano que o decreto de alarma non permite abrir os centros de atención á discapacidade como o da Asociación Íntegro, algo totalmente inesperado e que ameaza ás persoas con discapacidade, familias e entidades a reinventarse. Un ano máis tarde aprendemos, a pesar das hostilidades do entorno e a pesar tamén das tecnoloxías ou a velocidade de innovación, porque a clave segue estando nas persoas.

Nestes tempos tan estraños e cheos de incerteza, faise especialmente necesario vivir o presente con aceptación e calma

Poucas son as certezas que nos rodean, moitas dúbidas e inseguridades expóñensenos pretas de nós, pero todo iso desvanécese cando poñemos a nosa atención no inmediatamente cotián, no que estamos a facer xusto neste momento.

Desta forma, o pasado e o futuro quedan niso, en algo que non está a suceder agora mesmo. E aí, é onde nos damos conta de que quen dúbida, anticipa, especula, proxecta e programa é a mente, matando a fermosa realidade do presente.

A crise sanitaria e social xerou un retroceso nos avances logrados durante estes anos polas persoas con discapacidade en terreos tan fundamentais como o laboral, educativo ou de servizos sociais.

A isto hai que engadir que desde unha visión asistencialista e medicalizada, centrada no modelo de grandes residencias, séguense vulnerando os dereitos de autonomía persoal de miles de persoas con discapacidade. Por iso en Íntegro defendemos un modelo inclusivo centrado na persoa, que potencie a vida en comunidade e o respecto ás súas propias decisións tomadas cos apoios necesarios.

Nestes tempos faise moi necesario poñer atención especial a todo isto, pois algo nos está empuxando a vivir plenamente o aquí e agora, como unha enerxía e experiencia que se está renovando constantemente, a cada segundo. Se o aceptamos e deixámonos levar por esta onda, sorprendémonos do fácil que é todo e o ben coordinado que todo está.

Para iso, habemos de soltar o medo á incerteza e o control que nos levan a especular, anticipar, etc...  Esa totalidade que nos engloba a todos e que está a desexar que nos abramos a ela, porque somos ela. Un regreso a casa, na vida cotiá e neste tempo de tanta incerteza, pero que ao lonxe vislumbramos o final do túnel.