O Concello organiza para o vindeiro 14 de xuño un percorrido guiado por Xabier Maceiras
08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado 14 de xuño • Organiza o Concello da Laracha para o vindeiro sábado 14 de xuño o roteiro As telleiras da Laracha, proposta cultural para todos os públicos co fin de que os asistentes «coñezan de preto a historia e o patrimonio local vinculado ás antigas telleiras que existiron no termo municipal».
A xornada comezará ás 09.30, con saída en bus dende a praza Les Sables. Irase logo pasando polo Cancelo, o entorno da factoría de Cerámica Campo, Estramil e a Barreira, o campo da feira de Paiosaco, As Rañeiras ou, finalmente, dúas rúas no casco urbano larachés ás que dan nome dous empresarios do sector, Epifanio Campo e José Manuel Ferreira Penedo.
Guiará todo este percorrido o escritor, documentalista e divulgador Xabier Maceiras, autor do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, que ofrecerá explicacións en cada punto. Inscribirse é gratuíto, tendo preferencia os empadroados ao ser prazas limitadas: pode facerse en liña ou no teléfono 981 605 001.