Máis de 3.000 euros en premios e gratificacións no concurso larachés, en martes de entroido
A LARACHA
Os interesados en participar terán o prazo aberto dende este vindeiro martes, 18 de febreiro
15 feb 2025 . Actualizado a las 22:55 h.Entre os días 2 e 5 de marzo concentrará o Concello da Laracha o seu entroido, co día grande reservado para o martes 4, festivo local, no que se celebrará o tradicional concurso (18.30, na Praza ou no pavillón do Agra de Leborís, segundo o tempo), con máis de 3.000 euros en galardóns, se se teñen en conta os 2.480 que se repartirán nas distintas categorías e os accésitas para ata un máximo de dez comparsas non premiadas (100 euros cada unha). Individual infantil e adulto, parellas, grupos de 3 a 8 integrantes e comparsas (máis de 8, con premios 600, 500 e 400 euros) son as categorías, nas que os interesados poderán inscribirse dende este martes 18 de febreiro ata o 3 de marzo: alaracha.gal, nas redes sociais ou presencialmente no Concello. Amenizará a tarde deste martes a orquestra Capitol.
O entroido larachés, non obstante, comezará xa o domingo 2, cunha festa no pavillón (17.00). Luns 3 e mércores 5 haberá talleres de cociña infantil, con inscricións tamén xa dende o martes 18, e quedarán aínda dous espectáculos en directo, en colaboración co programa DinamizARTj: Trécola o día 3 e MeRe Clown o 5, ambas citas ás 17.30, con acceso de balde, na Casa da Cultura.