«Imos moi animados, sempre é bonito poder aprender dos demais»

A LARACHA

Na asociación empezan a tocar pequenos de tan só tres anos

10 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os máis de 200 gaiteiros que está previsto reunir na capital de Bergantiños durante a primeira edición do Festifolk Costa da Morte tamén haberá integrantes da asociación Arume de Caión (A Laracha), unha entidade da que onte falou María Domato co xornalista Manuel Rial en Radio Voz Bergantiños. Domato naceu en Lañas no 1970, mais vive en Caión. O grupo Arume de Caión naceu como asociación no ano 2006, vinculada ao coro e ao teatro, mais foi no 2011 cando ás súas actividades tamén sumaron a música tradicional galega.

-¿Como teñen distribuido o grupo en número de persoas?

-En canto a xente que está en actividades de baile, pandeireta e demais somos unhas 55 persoas. Entre pequeniños e grandes imos xuntando un bo número.

-¿Que actividades ofrece logo Arume de Caión?

-En música tradicional temos baile, pandeireta, gaita, percusión... Pero a parte hai coro, teatro, guitarra...

-¿Cando empezan a anotar xente que queira participar? ¿Como tería que facer alguén que queira sumarse?

-Durante todo o ano poden anotarse na asociación, non teñen máis que darme unha chamada e xa está, sen problema ningún. Os nosos ensaios son nas escolas de Caión, no colexio. Normalmente, pola semana, os venres é cando temos baile e pandeireta; os mércores, gaita e o demais, coro e guitarra, serían os sábados.

-Sendo máis de 50 persoas nas actividades, ¿cal é a valoración da entidade? ¿Houbo anos mellores para a música tradicional ou estamos nun bo momento?

-Eu penso que estamos mellorando cada día. Parece que vexo que a cada paso hai máis afección a este tema, anos atrás non vía tanta motivación. Agora estamos traballando con nenos moi pequeniños, para que se vaian acostumando. Eu téñoos de tres anos e xa empezan a tocar a pandeireta. E a cantar, e a bailar, fan un pouco de todo.

-Ha de ser ben curioso ver a un neno de tres aniños tocando a pandeireta, que aínda non é doado de todo.

-Non, non é doado de tocar, pero os nenos son coma esponxas, absorben todo e axiña aprenden.

-¿Con que ganas virán ao Festifolk Costa da Morte?

-Pois imos superanimados, porque sempre é moi bonito aprender dos demais, a min é algo que me gusta moito, que che ensinen e así poder saber cousas novas.

-¿Teñen algunha cita máis xa no calendario?

-Temos aí as festas de Caión, as primeiras son agora, as do Carme, e logo as dos Milagres, en setembro.

-Por suposto, a esas non poderán faltar.

-Non podemos, non [ri].