Bamiro e Redonda, en Vimianzo e Corcubión, recuperan a malla do trigo e o espírito veciñal
03 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Non é unha obra de teatro. É unha maneira de entender a aldea. Bamiro volveu traer aos nosos días unha malla tradicional. «Isto é emoción», dicía un dos presentes. Era a unha da tarde e un vello tractor e unha trilladora de marca Campeva empezaban a soar como había cincuenta anos. Os monllos de trigo amontoados ían pasando de man en man ata chegar á mesa da máquina. O po dourado voaba co vento, mentres a mente de moitos dos presentes viaxaba a decenios atrás, cando eran mozos e vivían malla de eira en eira. Coas copas de anís, xerez ou coñac ao rematar para lavar a gorxa.
Non é só un exercicio de memoria. É unha homenaxe á vida comunitaria. A necesidade obrigaba a compartir e todos os veciños compartían o traballo e a xolda ao final da malla. Mentres, os rapaces axudaban o que podían e xogaban o que lle deixaban. E os mozos trataban de buscar un recuncho para os seus secretos. Onte en Bamiro, Vimianzo, o organizador, Emilio Mouzo, tiña unha polbeira para saciar o apetito dos que traballaron e mais dos que miraron. E ata houbo quen lembrou que os monllos tiñan que estar atados con vencellos e non con cordeis.
O espírito rural máis xenuíno tamén reviviu en Redonda (Corcubión) este sábado coa feira O Saber Sabor de Aldea. Unha festa á que acoden familias enteiras. «Non queremos esquecer á xente que traballou por nós», proclaman dende a organización. Empeza co canto do carro e todas as actividades semellan unha viaxe ao tempo da vida comunitaria. Como a curiosa exhibición de quince mulleres portando cestas na cabeza ou a reprodución de labores tradicionais, con mostras de ferramentas e apeiros. E houbo sardiñas, empanadas, churrasco, pala asada, e broa con fariña de millo do país moído no muíño de Quenxe que foi restaurado polos propios veciños, ademais de filloas, follados e xeados de Granxa Moreira. A memoria, igual cao gran, hai que sementala.
Tres entidades do concello e gran cantidade de colaboradores
O Saber Sabor de Aldea celebrado no campo de San Roque de Corcubión é froito do labor, fundamentalmente, de tres entidades, as asociacións de veciños de San Pedro de Redonda, Quenxe e San Roque. Luís Rodríguez conta tamén que a música correu a cargo A Tripulasión, mentres que nas casetas de artesanía estiveron Carmen Ayala, coa súa cerámica; Maricarmen González, con sombreiros e arte en palla; José Roberto e Ricardo Martínez, que trouxeron dende Fene os seus tambores e pandeiretas e mais unha sella, e Fernando Martínez, con cestería, mentres que José Manuel Mallón foi o encargado de elaborar as filloas á pedra, e Maricame Franco e Bea Domínguez estiveron na caseta da parroquia. Ademais, gran cantidade de veciños puxeron unha man en moitas tarefas.