O tsunami de Lisboa

Alejandro Lamas Costa

CARBALLO

Lamas Costa, nunha imaxe de arquivo
Lamas Costa, nunha imaxe de arquivo XESÚS BÚA

Historias de Corcubión | Aquel 1 de novembro do 1755 ninguén imaxinaba a magnitude do que estaba por chegar

20 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

mañá do 1 de novembro de 1755 comezara con inquietude, pero ninguén na ría de Corcubión imaxinaba aínda a magnitude do que estaba por chegar. Un tremor de terra, sentido á primeira hora, sobresaltara os veciños, aínda que co paso das horas o medo empezou a disiparse. A vida parecía volver á normalidade mentres as campás chamaban a misa maior no día de Todos os Santos.

Foi entón, ao redor das once e media, cando o mar cambiou de rostro. Carlos Lemaur y Burriel, enxeñeiro militar encargado das obras das fortalezas do Cardenal (Oliveira) e do Príncipe (Ameixenda), deixou escrita unha das crónicas máis sobrecolledoras daquel día.

Segundo relatou, as augas da ría comezaron a retirarse de xeito repentino e antinatural: o mar descendeu desde a preamar ata niveis nunca vistos, deixando aos descuberto fondos que normalmente permanecían ocultos. Apenas uns instantes despois, regresou cunha violencia extraordinaria, elevándose por encima das mareas vivas dos equinoccios.

No porto, as embarcacións quedaron atrapadas nun caos de madeira, cordas e golpes. As embarcacións que estaban fondeadas chocaban entre si mentres as áncoras e amarras cedían ante o empuxe brutal da auga. Aínda así, o desastre material foi menor do que moitos temeron naqueles segundos de desconcerto.

O verdadeiro pánico viviuse en terra firme. Os maiores envites do mar coincidiron coa saída dos fieis da igrexa. Homes e mulleres contemplaron aterrados aquel movemento imposible das augas e creron asistir ao Xuízo Final. O pranto e os berros estendéronse polo pobo. Ninguén sabía que estaba a ocorrer. O propio sacerdote, que intentaba acougar aos veciños con palabras de consolo, estaba tan asustado como eles.

Convencidos de que a morte era inminente, algúns correron cara á altar e tomaron imaxes de santos entre os brazos, buscando protección desesperadamente. Outros arrebatábanllas no medio do tumulto, nunha escena de angustia colectiva que Lemaur describiu con crueza: cada cal buscaba aferrarse a algo sacro mentres o mar ruxía fronte á vila.

Aos poucos, as augas comezaron a serenarse. O océano recuperou o seu ritmo habitual e o medo foi deixando paso ao silencio. Os veciños regresaron lentamente ás súas casas e ás súas tarefas cotiás, aínda que nada volveu ser exactamente igual. Aquel día, a ría de Corcubión sentiu, por centos de quilómetros de distancia, o golpe devastador do gran terremoto de Lisboa.