Penedos

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

<span lang= gl >Unha das formacións rochosas dos Penedos de Pasarela e Traba</span>
Unha das formacións rochosas dos Penedos de Pasarela e Traba XOSÉ AMEIXEIRAS

Conta Antonio Andrade en Os cómaros da vida, que unha servidora o levou aos Penedos de Pasarela. Acórdome: saímos ao abrente, cando a xeada aínda relucía con forza no verdor dos campos. Camiñamos en pos das pedras e observamos aqueles monumentos líticos con formas tan dispares coma os ollos de quen os mira. Causan en min a mesma sensación que cando ollo, ensimesmada, cara ao ceo: cada mirada detecta unha forma, un efecto óptico. 

Creo que esa é unha das dualidades formidables que teñen os Penedos, ese símil marabilloso entre eles e as nubes de evolución. Evocan en min esa sensación dos días de calmuzo en agosto, cando, coma nenos, nos deitabamos sobre o chan para deleitarnos cun ceo que semellaba infinito, naqueles días corredíos nos que o tempo aínda non era un impedimento.

Se os Penedos estiveron tantos centos de anos contra vento e marea, sorteando a burocracia, as ideas partidarias e milleiros de feitos históricos, teñen merecida a distinción de Paisaxe Protexida. Non é un feito casual, foi a loita colectiva daqueles que souberon apreciar as pedras cando ninguén, de maneira oficial, lles daba valor. Algúns continúan loitando por causas xustas; outros, morreron. Non importa, o legado e a mensaxe están claros: non se tocan. Preservar o que temos como herdanza para os que nos sucederán, así como un grupo de homes e mulleres defenderon os Penedos para que aquela nena que tiña 6 anos os ensinase con orgullo vimiancés lustros despois. Isto non acaba. Os Penedos enfrontaranse a ameazas. Por iso, a continuidade do movemento segue. O pobo salva ao pobo. Os veciños fan parroquia e as asociacións son a democracia de todos nos eidos rurais coma o noso, onde o eco das nosas gorxas resoa con forza.