Levamos anos acompañando a nenos e nenas nos meses de verán e, se hai algo que temos claro, é que os campamentos son moito máis ca unha resposta ás necesidades de conciliación. Cumpren unha función clave nese sentido, pero reducilos a ser só un lugar onde deixar aos nenos é esquecer o potencial educativo, humano e emocional que teñen. Quizais non sempre se valoran como merecen. É comprensible, porque na nosa sociedade a conciliación segue sendo unha das grandes materias pendentes.
Concellos, ANPA, clubs deportivos, asociacións e entidades privadas esfórzanse por ofrecer alternativas, pero a realidade é que as vacacións escolares seguen sendo máis longas que as laborais e os malabarismos no verán forman parte do día a día das familias. Porén, e no noso caso dende Argalla, gústanos reivindicar que os campamentos poden ser moito máis. Espazos de encontro, aprendizaxe, descubrimento e creación de recordos que permanecen. Cremos na necesidade de acompañar a convivencia entre idades, favorecer relacións baseadas no respecto e empatía, aprender a resolver conflitos, compartir, esperar, colaborar e sentirse parte dun grupo. Unha das riquezas que atopamos cada verán é a diversidade dos grupos. Os máis pequenos atopan referentes nos maiores e estes descobren a importancia do coidado e responsabilidade. Os vínculos créanse de forma natural e amizades que nacen nun campamento continúan despois de rematar agosto. Cremos profundamente, ademais, no valor educativo do xogo, durante moito tempo entendido actividade secundaria, premio despois do importante. Nós pensamos xusto o contrario. Xogar é importante. Xogar é aprender, ocupa un lugar fundamental.
Non entendemos o verán como unha prolongación da escola nin como unha sucesión de actividades dirixidas. O verán está para gozar, descubrir, crear, imaxinar e vivir experiencias que o resto do ano non sempre teñen cabida. Por iso falamos de campamentos diferentes. Porque cada grupo e cada verán tamén o son. Non cremos nas programacións pechadas, copiadas e pegadas, senón nos programas flexibles, capaces de adaptarse aos intereses, necesidades e ritmos dos nenos. A infancia é a protagonista. Non se trata de encher horarios, senón de acompañar procesos. Experimentación e actividades sensoriais teñen gran importancia. A auga, a area, as flores, o xeo, a luz, os elementos naturais ou os materiais non estruturados son ferramentas cheas de posibilidades. Nun mundo no que todo vai rápido, conservar a capacidade de sorprenderse é marabilloso, e por iso é clave que os campamentos estean conectados co entorno no que se fan. Cremos nos lugares, na súa historia, nas súas paisaxes e posibilidades. Non é o mesmo un verán á beira do mar que nunha contorna rural. E aínda que os campamentos forman parte da resposta á conciliación, non poden ser a única solución a un problema estrutural. O verán non é un tempo que haxa que encher, senón un tempo que merece ser vivido. E quizais esa sexa a maior aprendizaxe.
(*) Rocío Dios, ademais de responsable da empresa Argalla, é especialista en pedagoxías activas.