O Concello vén de avanzar a programación de Semana Santa, con citas diversas nas bibliotecas, abertas mañá e tarde para facilitar a conciliación
26 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Dumbría ofrecerá o mes vindeiro unha completa programación titulada «Abril de libros», tendo en conta a efeméride que nel se conmemora, o Día do Libro e dos Dereitos de Autor. Haberá programación nas cinco bibliotecas (Buxantes, O Conco, Berdeogas, O Ézaro e Olveira) que pasará por contacontos e actuacións e que chegarán da man do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Non obstante, antes de debullar toda esa actividade, xa vén de facer o Concello un avance do que haberá nestes espazos con motivo da Semana Santa, iniciativas para promover a lectura e facilitar a conciliación familiar. Neste senso, os días laborais non lectivos haberá bibliotecas abertas mañá e tarde (ver máis abaixo). Todo vai ser de acceso libre e de balde, ata completar o aforo:
- Obradoiros de manualidades de madeira para Pascua, con MuxiArte: o luns 30 de marzo, ás 11.00 en Buxantes e ás 17.00 no Conco; o martes 31, ás 11.00 en Berdeogas; o mércores 1 de abril, ás 11.00 no Ézaro, e o luns 6, ás 11.00 en Olveira.
- Obradoiros de encadernación: o luns 30 de marzo, ás 11.00 en Olveira, e o luns 6 de abril, ás 17.00 no Conco.
- Bibliotecarios/as por un día: aprenderase a moverse pola biblioteca o martes 31, ás 11.00 en Olveira, e o mércores 1 de abril, ás 17.00 no Conco.
- Manualidades de primavera: o martes 31, ás 17.00 no Conco; o mércores 1, ás 11.00 en Olveira.
Bibliotecas abertas
- Luns 30 de marzo. Entre as 10.00 e as 14.00 horas estarán abertas as bibliotecas de Olveira e Buxantes. En horario de tarde, de 16.30 a 19.30, estará aberta a do Conco.
- Martes 31 de marzo. As de Olveira e Berdeogas abrirán en horario de mañá, de 10.00 a 14.00. De novo pola tarde, o Conco: 16.30-19.30.
- Mércores 1 de abril. Olveira e O Ézaro abrirán entre as 10.00 e as 14.00. Igualmente pola tarde, a do Conco, entre as 16.30 e as 19.30 horas.
- Luns 6 de abril. De 10.00 a 14.00, os pequenos poderán acudir á biblioteca de Olveira. Pola tarde, terán a do Conco: 16.30-19.30 horas.