Unhas 5.000 bicicletas galegas que recibiron segunda vida

Antón Lestón
a. lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ata 5.000 vehículos de dúas rodas conseguiron ter unha segunda vida: solidariedade e reciclaxe
Ata 5.000 vehículos de dúas rodas conseguiron ter unha segunda vida: solidariedade e reciclaxe

Ecovoz 2026 | Recycling naceu da man dun pai que non sabía que facer coas bicis en desuso dos seus fillos: ese era José Luís Pereira

23 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2018, José Luis Pereira non sabía que facer coas bicicletas xa en desuso do seu fillo. «Non as quería tirar a un punto limpo», recorda. Así que se puxo en contacto cunha asociación de axuda a Guinea Bissau e logrou xuntar 25 entre veciños e amigos. Case sen querelo acababa de nacer Recycling, que hoxe leva recollidas unhas 5.000 bicicletas, roupa, material sanitario e escolar, xoguetes... A todo lle dan unha segunda vida para quen máis o necesita.

—Veñen dunha gran aventura por Marrocos.

—Marchamos en febreiro eu e máis o meu fillo cun camión de trinta anos no que levamos 200 bicicletas, algo de roupa, menciñas... E fixemos unha ruta polo que é a zona desértica que bordea Arxelia, pobos que están bastante fóra do circuíto turístico. Non é que haxa unha pobreza extrema, pois é xente escolarizada e que non pasa fame. Simplemente, unha bicicleta ou un balón alí para un neno son como aquí unha Playstation 5.

—Aínda así, o seu traballo está, sobre todo, en Galicia.

—Si, a maioría de todo o que recollemos vai para xente que o necesita aquí en Galicia. Vimos de doar un ciclomotor a un home venezolano que está traballando aquí en Ourense ao xornal. Que sempre pensamos en África cando falamos de necesidades, pero ti imaxina esta persoa, para moverse entre as distintas plantacións... Ou esa nena que che pide unha bicicleta e resulta que os pais están no paro...

—Como as conseguen?

—Temos puntos de recollida por toda Galicia e o boca a boca fixo moito, sobre todo nos pobos pequenos. A xente ve que as cousas que tiñan tiradas no faiado aínda lle son de moita axuda a outras persoas.