Coregal, un proxecto de cinco traballadores que se converteu en referente

Antón Lestón
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Beatriz González, xerente de Coregal.
Beatriz González, xerente de Coregal. ,

Ecovoz 2026 | Hoxe fan unha xestión integral de residuos para empresa privada e concellos. Falou en Radio Voz Beatriz González, xerente 

23 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao abeiro dun programa europeo, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) impulsou no ano 1994 un proxecto que integrou economía social e a xestión de residuos. Nacía deste xeito Coregal. Falou no programa Ecovoz, de Radio Voz, a súa xerente, Beatriz González.

—Como xorde esta idea?

—Coa apertura dun centro de traballo no concello de Santiago. Alí, tras finalizar unha formación sobre reciclaxe organizada pola Unión Europea e centrada en persoas con discapacidade, iniciouse un proxecto con cinco traballadores. De primeiras, recollían papel e cartón coa fin de xerar un servizo que integrara a xestión de residuos coa integración das persoas con discapacidade. Esa era, pois, a idea principal, unir a xestión de residuos coa inclusión social.

—Eran dous desafíos importantes para a época, pois nin a inclusión nin a reciclaxe estaban aínda na axenda pública.

—Si, tal como se comenta, a recollida de residuos para a súa reciclaxe non estaba moi establecida na sociedade. Era un labor bastante descoñecido polo cidadán, polo que tivemos que facer un traballo moi importante de información e divulgación ás distintas empresas, aos concellos para explicar este proxecto e poder contar con eses axentes que nós necesitabamos para dispor de materias e servizos que nos permitiran seguir avanzando. Estas tarefas facíanse porta a porta, o que nos permitiu tamén ir coñecendo aos nosos clientes e ir modelando o proceso segundo as necesidades que nos ían xurdindo. Fomos avanzando pouco a pouco.

—E como foi a primeira resposta?

—É que ao comezar con só cinco traballadores, o trato era moi directo, necesitabamos ese apoio da persoa, pedíndolle que non tirase eses periódicos nin ese cartón, porque xa pasaríamos nós a recollelo. Foi complicado facerllo ver á xente, pero pouco a pouco, tamén co apoio da administración, fomos demostrando que o proxecto era viable. Iso permitiu que esa xente nos fose apoiando, e con esa confianza foise creando esta gran empresa que é Coregal.

—Dende a panorámica actual, cales cre que foron os principais fitos da empresa?

—O primeiro, a propia creación, no 1994 e cun modelo moi pioneiro que combinaba a xestión de residuos e a integración laboral das persoas con discapacidade. Despois, o de ser capaces de consolidar este servizo nun momento no que a sociedade aínda non estaba concienciada da necesidade de reciclar. Iso permitiunos avanzar para reciclar máis residuos, engadindo envases lixeiros e voluminosos. Aumentamos así a nosa actividade, introducíndonos xa nos procesos de valorización ata o Coregal que temos hoxe, onde facemos unha xestión integral de residuos tanto para a empresa privada como para a empresa pública. Temos eses grandes contedores, a recollida porta a porta, limpeza diaria ou puntos limpos.

—Cal é o impacto actual?

—Dentro da sociedade galega, é moi importante, tanto a nivel ambiental como a nivel social. Agora mesmo en Coregal contamos con catro ecoplantas que están ao largo do eixe atlántico —Carballo, Santiago, Boiro e Mos— e aí desenvolven os seus traballos 236 persoas. Temos unha flota de 70 camións e realizamos, como dixen antes, a xestión integral de residuos tanto na industria privada como nos concellos. Actualmente estamos en 60 concellos e xestionamos directamente 12 puntos limpos. Pero Coregal segue medrando.

—É un gran exemplo de éxito apostando pola economía social e a inclusión.

—Si, demostra que si que se poden facer empresas doutra maneira. Porque Coregal é unha empresa que aposta pola economía social e pola sostibilidade ambiental. Ademais, estes proxectos permiten a moitas entidades cumprir coas súas responsabilidades ambientais e mellorar a súa imaxe corporativa con proxectos que teñen un gran impacto real na sociedade. É, polo tanto, bo para todas as partes.