Alejandro Gándara, tralo Premio Mestre Mateo: «É un aval ao noso traballo e á nosa forma de facer as cousas»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

«360 curvas» recibiu o premio a mellor documental
«360 curvas» recibiu o premio a mellor documental Laura Leiras

Baiés, codirixe coa estradense Ariadna Silva o filme «360 curvas», que se alzou este sábado co prestixioso galardón na categoría de documental

24 mar 2026 . Actualizado a las 22:02 h.

Conta Alejandro Gándara Porteiro que el pensaba que non estaba nervioso. Case que nin o día antes, pero outra cousa foi chegar alí, ao auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, para tomar parte na XXIV gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, a gran noite do audiovisual galego. Todo era expectación. Baiés do 1993, e tamén en parte carballés, Alejandro codirixe xunto coa estradense Ariadna Silva o filme 360 curvas. Estaba nominado na categoría de Mellor Documental xunto cos traballos Ao son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado, e acabou facéndose co galardón, que por tanto chega con el para a Costa da Morte: «Era un apartado moi disputado, a verdade, quizais das categorías nas que estaba menos claro, polo que alí nos dicían». Sabendo da traxectoria das outras propostas, con nomes ben coñecidos pola Academia, supúxolles aínda máis «sorpresa e alegría» subir ao escenario: «Gañar en Lugo, ademais, foi moi especial. Estabamos representando alí á Fonsagrada». 

Representando, máis concretamente, á forza, á unión, dignidade e espírito colectivo dun territorio: 360 curvas é como se lle chama á estrada que separa Lugo da Fonsagrada, «unha estrada ben complicada que escollemos como símbolo da película porque conecta moi ben pasado e presente, diso vai o filme», explicaba semanas atrás en Radio Voz. Houbo na Fonsagrada, nos anos 90, as chamadas movidas, protestas veciñais contra o desmantelamento de servizos e o abandono institucional do rural. Unha loita pioneira pola supervivencia. Unha historia moi concreta, pero que se pode extrapolar a calquera punto nesas circunstancias, como tamén incidiu Ariadna Silva logo de saberse gañadores do Mestre Mateo. «É unha historia que nace mesmamente do pobo», afirmou.

Gándara Porteiro, de pé, durante a presentación de «360 curvas» en Carballo
Gándara Porteiro, de pé, durante a presentación de «360 curvas» en Carballo ANA GARCÍA

Estreado no Festival de Cine Internacional de Xixón, o documental pasou xa por diversos festivais e tivo importante presenza nas salas de cine, mesmo chegando a colgar o cartel de completo. Hai unhas semanas proxectouse no Casino de Carballo, co propio Gándara Porteiro participando dun coloquio, e xustamente este sábado 28 de marzo haberá ocasión de gozar a peza no auditorio de Baio (20.00 horas): 360 curvas dará inicio ciclo cultural Mulleres e territorio, impulsado polo Concello de Zas, dende o que veñen de facer públicos os seus parabéns. Moi especialmente, a Alejandro, director por certo dos Premios Fouciño, festival audiovisual baiés. «Un recoñecemento moi importante ao seu traballo e ao talento que temos no noso concello, que segue destacando a nivel galego», publicou nas súas redes o consistorio. 

Os dous directores do documental galardoado están felices: «Imos pouco a pouco. Facer cine é complicado en xeral, e máis aínda facer películas documentais que teñan tanta repercusión e vaian a tantas salas de cine como xa ten ido 360 curvas. Agardamos agora que isto sexa un impulso para continuar a xira, para seguir indo a máis salas e mesmo para volver a onde xa fomos, sabendo que é complicado mover unha peza así. Que che dean un premio como este Mestre Mateo é un aval ao noso traballo e á nosa forma de facer as cousas», sopesa o baiés. E como é esa forma? «Traballar dende o coidado, prestando atención a historias que están un pouco esquecidas, pero que son moi potentes. Na nosa memoria recente hai un pouco de desmemoria, mais temos historias moi chulas, pequeniñas, que feitas dende o cariño e cunha certa intención de darlles o lugar que realmente merecen, pois van derivando en cousas coma esta. Tamén nos Premios Fouciño incidimos sempre nisto mesmo, en animar á xente co cinema de proximidade», precisa Gándara Porteiro. Cine social, neste caso. Non fai falta saír de Galicia para atopar material a centos. Boa proba diso é outro traballo de Alejandro, codirixido nese caso con Olaia Tubío: Dorothé na Vila. 

ESTREA DE CURTA ESTA PRÓXIMA SEMANA

Este domingo a mediodía o equipo de 360 curvas recuperábase dunha gran festa do audiovisual: «Nós levamos moi pouco nisto, somos mesmo un pouco outsiders», ri Alejandro. Avanza, por certo, que esta semana vindeira estreará unha curta ou pequeno documental rodada na Costa da Morte e dirixida por el: A costa e os castelos. Xa fixeran avance nos Premios Fouciño 2025, mais o venres 27 haberá ocasión de vela nas Torres do Allo (Zas) e o sábado 28 no Sol Espazo Artístico (Carballo), aos mandos de Isa Bermúdez. A partir do luns, máis datos, mais por se queren tomar nota da sinopse: «Unha viaxe pola Costa da Morte a través dos seus castelos, torres e pazos, explorando as historias do pasado e o presente destes lugares, para compoñer un relato que combina a investigación histórica cunha ollada curiosa cara a nosa relación co patrimonio». ¡A seguir creando!