De aquí a final de ano... ¡cultura nas Torres do Allo!

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Presentación da programación, na mañá deste sábado
Presentación da programación, na mañá deste sábado BASILIO BELLO

 O Concello de Zas deu a coñecer a programación na mañá deste sábado, no propio pazo

14 mar 2026 . Actualizado a las 19:24 h.

Actividades culturais, didácticas e de lecer encherán de vida as Torres do Allo (Zas) durante todo este 2026. O pazo máis antigo de Galicia reafírmase así referente cultural na Costa da Morte: «As Torres son unha peza fundamental do noso patrimonio e queremos que continúen sendo un espazo vivo, aberto á cultura, á divulgación e á participación de públicos de todas as idades», sinalou este sábado o alcalde, Manuel Muíño. Xunto con José Brenlla, edil de Cultura, e persoal de atención das Torres, participou da presentación das citas nun lugar que xa é «punto de encontro». Ten o Concello de Zas o apoio da Deputación da Coruña, mediante un convenio que aporta algo máis de 25.000 euros para todas estas citas.

Semana Santa • Ampliación de horario do 28 de marzo ao 5 de abril, de 11.00 a 20.00, con visitas guiadas ás 13.00 e 17.00. E tamén xogo de pistas!

Xuño • Exposición temporal Zas en romaría, sobre tres do municipio: Santa Margarida, San Roque e San Ramón.

Domingos de xullo e agosto • Visitas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns.

Xullo e agosto • Campamentos de verán, para nenos de entre tres e doce anos.

De xullo a setembro • Novo reto de escapismo 2026.

 18 de xullo • Música nas Torres, concerto a cargo de Boroa: Sabela Olivares, Suso Bello e Alberto Millán. No centro, a versatilidade da gaita e a adaptación ás tecnoloxías.

30 de agosto • Mercado tradicional de San Ramón. Concerto de sesión vermú a cargo da charanga Benofan. Concerto pola tarde a cargo de Brais das Hortas.

Outubro • Será tempo de Samaín, e aí chegará a maxia de Samuel Moreno. Tamén o sabor das castañas e magosto.

E ademais... • Especial atención ás actividades para a infancia. Haberá obradoiros temáticos polas Letras Galegas de Begoña Caamaño, polo San Xoán ou tamén polo Nadal.