Quince estudantes no colexio Labarta Pose foron ben aplaudidos na súa intervención en Ponteceso o 8M
14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Destinaron os recreos dos mércores a ensaiar e fixeron un sprint final nas xornadas previas ao 8 de marzo, Día da Muller, todo un esforzo que merecidamente foi recompensado con aplausos. Na imaxe están os 15 nenos e nenas alumnos de quinto e sexto de primaria do colexio Labarta Pose de Baio que o pasado domingo lle contaron ao público dos Premios Literatas na Fundación Pondal pontecesá a historia por moitos aínda descoñecida de Isabel Zendal, a primeira enfermeira da historia en misión internacional. Tamén a dos 22 pequenos da Casa de Expósitos coñecidos como os nenos da varíola. Todo, a través do teatro.
Leer más: «Todas vós facedes Galicia máis grande»
Unha expedición filantrópica da vacina da que si é coñecido o nome de Balmis, mais non o dela (tantas veces ocorre así na historia!) nin o dos pequenos, unha documentación recollida no seu día polo xornalista Antonio López Mariño. Coordinados pola mestra Sinda Cundíns, os nenos de Baio dánlle vida e renden tributo a quen ía naquela corbeta que saíu do porto da Coruña no 1803. Coidados por Zendal, os 22 pequenos chegaron con vida ata América.