¿Busca plan para este venres na Costa da Morte?

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A obra «Cortello de amor», de Amorodio Teatro, podrá verse hoxe en Fisterra
A obra «Cortello de amor», de Amorodio Teatro, podrá verse hoxe en Fisterra

Axenda | Ten teatro en Caión, Fisterra ou Carballo, pero tamén outras citas coa literatura ou a divulgación

13 mar 2026 . Actualizado a las 20:05 h.

O Concello da Laracha dará por iniciada na tarde-noite deste venres 13 de marzo a quinta edición do ciclo Teatro con Salitre, en Caión. A obra que se poderá ver no centro sociocomunitario, de balde, chega da man da compañía aAntena e é Sol fuerza, estreada hai cousa dun ano en Vimianzo. Con gran parte do equipo artístico integrado por xente da Costa da Morte, con dramaturxia de Bernardino Martínez e dirección de Xosé Leis, sobe ao escenario a Lucía Veiga, Manu Fernández e Virxinia Bermúdez: 21.00 horas. 

Sol fuerza é unha proposta escénica «singular». Combina teatro, playback e documentos, armando con todo iso unha farsa baseada en feitos reais arredor de fraudes industriais, memoria e modelos enerxéticos. Virxinia Bermúdez, a popular Dosinda nas redes sociais, natural de Dor (Ponte do Porto), explicaba de cara a estrea que había na peza tres ramas: Casa Carriza, un fogar no rural; Filek, un inventor que foi quen de estafar ao Estado español con gasolina falsa, e Heliodoro Vicente, salmantino residente na Coruña e inventor de Sol Fuerza, un biocombustible. «O espectador vaise rir, iso espero, pero chegará á casa dándolle unha volta á cabeza. É unha obra que fai reflexionar, sobre todo aos que vivimos nos pobos, ou aos que viviamos e marchamos», apuntaba. Sol fuerza dálle unha voltiña ao concepto de progreso e de cales poden ser as súas consecuencias. ¡Non perda a cita!

Dramaturxia en Carballo e Fisterra e outras citas do día

Tamén hoxe • E se na vila larachesa de Caión hai hoxe teatro, tamén o haberá en Carballo e en Fisterra. Na capital de Bergantiños a cita será coa compañía Malasombra e coa obra O proceso (21.00 horas, Pazo da Cultura, entradas en billeteira.carballo.gal). Dirixida por Cándido Pazó, leva a escena o proceso xudicial aberto contra o escritor Curros Enríquez por uns poemas publicados en Aires da miña terra (1880). Doutro lado, no mercado cultural de Fisterra, a proposta é Cortello de amor (20.00 horas). A función chega á vila da man de Amorodio e con Carmen Facorro e o muxián Javier Castiñeira sobre as táboas: «Unha comedia moi galega, con retranca e sotaque, que aborda con humor os disparatados prezos dos alugueiros e o turismo non sostible», contan dende o Concello. Pode consultarse sobre a reserva de entradas en culturafisterra@hotmail.com ou no 600 964 776 (WhatsApp). Trátase dunha obra para público adulto.

E ademais...

Igualmente en Fisterra, pero ás 17.00 horas e no salón de actos do Concello, presentarase o vídeolibro A memoria de Fisterra, unha homenaxe ás mulleres que ergueron a historia da vila. Son testemuñas, recordos e experiencias. Algunhas das protagonistas da peza estarán presentes.

Volvendo á capital de Bergantiños, outras dúas citas de gran interese que engadir ao teatro. Unha, ás 20.00 horas no Casino, unha conferencia do ornitólogo José Luís Rabuñal promovida polo Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB). Outra, ás 20.00 horas en Espiral Maior Foro, a presentación do poemario Hipnose encarnada, de Ramiro Torres. Con el estarán Rosalía Fernández e Migue Anxo Fernán Vello, editor, escritor, pintor e director de Espiral Maior Foro.