Nacín muller, mais tiven sorte. Porque nacín coas regalías das sucesoras daquelas que non as tiveron. Porque para gozar de forma plena do prodixioso espectáculo que é a vida hai que ter a sorte de ocupar boa butaca, e eu non nacín para ser escrava. Non nacín para que me vendesen a un vello aos dez ou doce anos. Non nacín para precisar de autorizacións de ningún home nin para habitar unha existencia de ama de casa por imposición. Non fun educada para ser esposa submisa nin para que me golpeasen. Ou para que me prohibisen saír soa a pasear ou levar pantalóns. Ou me impoñan un pano na cabeza, un veo para ocultar o meu rostro, un burka, un hiyab ou unha cor de roupa determinada. Alguén ten algo bo que dicir do burka, por exemplo? Non se me ocorre unha soa palabra amable para describir tan abominable ‘prenda’. E do hiyab? Aínda se terá que escoitar «Pobre Ayatolá que foi martirizado». E as mulleres como Mahsa Amini, arrestada e torturada por non usar o hiyab correctamente, que? Unha de tantas, tantísimas, vítimas a nivel mundial, incluída Gaza, dun terrible apartheid de xénero. Todas esas que naceron para ser engulidas pola inxustiza dun machismo lacerante, agredidas sexualmente, atacadas, mutiladas… que? Dou grazas porque facilmente puiden ter nacido noutro tempo e noutra sociedade para ser vítima de horrores inefables contra a muller. Vivo agradecida, mais sen baixar a garda, sabendo que sempre hai que loitar brandindo os ósos daquelas que nos precederon, daquelas que loitaron e seguen a loitar longas batallas por todas. Daquelas que nos permitiron o luxo de gozar da vida ocupando unhas butacas bastante favorables. 8M hoxe! 8M sempre!