Entre este 7 de febreiro e o 7 de marzo sucederanse ruadas, concertos, pasarrúas, circo, bailes,cocidos, festivais, charangas, festas, concursos...
05 feb 2026 . Actualizado a las 20:15 h.Do 7 de febreiro ao 7 de marzo • Entre o 7 de febreiro, venres, e o 7 de marzo, dentro dun mes, sucederanse no casco urbano de Carballo e nas parroquias deste municipio ruadas, concertos, pasarrúas, circo, bailes,cocidos, festivais, charangas, festas, concursos... Un viquingo lidera o cartel deste ano e, no tocante a Carballo centro, as actividades concentrarnse entre o 13 e o 22 deste mes. Xa se sabía do certame, con máis de 10.000 euros a repartir. Fará da vila todo un punto de encontro o domingo 15 de febreiro, ás 18.00 horas. Presentara a regueifeira Lupe Blanco e o baile posterior correrá a cargo do dúo Veneguay. A iso das 20.30 farase parón para entregar os premios: desa cantidade, 4.500 euros irán a gratificacións. Organizado pola Concellaría de Cultura, e coa colaboración da área de Terceira Idade, asociacións culturais e veciñais, Brigada de Obras, Policía Local, Protección Civil e Agrupación de Voluntarios, ármase todo un almanaque no que destacan tamén estas propostas:
Venres 13. Música na Praza con Cé Orquestra Pantasma (18.30) e polas rúas a cargo de Brassica Rapa (20.00).
Domingo 15. Máis alá do concurso (18.00), haberá pasarrúas coa charanga Santa Compaña (17.30) e baile a cargo de Veneguay (20.00).
Luns 16. Festa infantil e obradoiros de entroido con música de pinchadiscos, xogos e animación na Praza entre as 17.30 e as 19.30 horas. Nese mesmo día, ás 20.00, pasarrúas polo centro a cargo da charanga Bregadiers.
Martes 17. Dende as 18.00, na Praza, animación coa compañía Asacocirco (18.00). Despois tomará o relevo a charanga Santa Compaña (18.30). Será esta a que acompañe o Enterro da Sardiña, programado para as 19.00 horas e unha vez máis da man da Aula de Teatro Municipal dirixida por Galeatro: saída da Praza ata o parque do Anllóns.
E ademais...
A este núcleo duro do entroido carballés, con propostas para todas as idades, sumaranse as iniciativas dos diferentes barrios e parroquias. Destacan neste senso a terceira edición do Renacemento do Chorón na Milagrosa (sábado 14 de febreiro): as festas de entroido de Ardaña e Oza, mañá mesmo; as festas do cocido de Lema e Sofán, o 21 de febreiro e o 7 de marzo respectivamente, ou o festival de entroido impulsado en Cances, previsto asemade para o 28 deste mes. Veñen por diante días de troula e un espírito festivo que, de seguro, logrará impoñerse ao tempo.