Liliana Oliveira: «Para ser repentista fai falta ter o don»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Liliana Oliveira, artista portuguesa que actuará este sábado nos Premios Galegos da Regueifa de Carballo
Liliana Oliveira, artista portuguesa que actuará este sábado nos Premios Galegos da Regueifa de Carballo .

Cantadeira ao desafío, actuará mañá con Simão Marques nos Premios Galegos da Regueifa, en Carballo

09 ene 2026 . Actualizado a las 23:46 h.

Galicia e Portugal volverán estreitar lazos culturais nos Premios Galegos da Regueifa, que chegarán mañá, sábado, á súa quinta edición no Pazo da Cultura de Carballo (18.00 horas, apertura de portas ás 17.30). O encontro deste ano contará co talento da «cantadeira ao desafío» Liliana Oliveira (Guimarães, 1993). Improvisadora oral da rexión de Minho, interveu en Radio Voz Bergantiños, nunha conversa a galego e portugués que transcorreu así:

—Saúdos para Portugal!

—Bom dia, Galicia!

—Como comezou o ano?

—En Portugal un bocadiño mollado. Ten habido chuvia, ten habido sol, fantástico para recargar vitamina D con familia e amigos.

—Xa con ganas de Galicia?

—Xa prontos para unir lazos entre o noso Minho e a vosa Galicia. Iremos [a Carballo] eu e máis Simão Marques. Os dous somos cantadores ao desafío que representamos a desgarrrada minhota [xeito de improvisación portugués]. Será a nosa primeira vez aí.

—Pode que comece unha irmandade?

—Espero que si. Coa galega Lupe Blanco fixemos unha desgarrada histórica na televisión nacional portuguesa. Foi un momento de moita audiencia e penso que por aí estamos a abrir portas para nós brincarmos tamén nesa zona e para que regueifeiros e repentistas de Galicia poidan vir a Portugal. Serán ben recibidos.

—Desafío, desgarrada, regueifa... Son xeitos ben de improvisar parecidos.

—A idea en todos eles é sempre a mesma. Rima, poesía, poesía popular, improvisar sobre o que está a acontecer ou sobre o tema que nos é dado, segundo o que a nosa propia idea nos transfira.

—Tal vez a melodía difire?

—Si, e tamén que vós [os galegos] facedes regueifa moitas veces sen instrumento, a capela ou con pandeireta, e nós sempre o facemos acompañados de concertinas ou violas, instrumentos de corda. A Carballo levaremos concertina, acordeón diatónico.

—Como chegou á improvisación?

—No 2014 foi o meu primeiro contacto coa música popular e tradicional portuguesa, a través dun proxecto aquí en Guimarães, que acabou por rematar. A partir de aí creei o meu proxecto, a banda Liliana Oliveira Com Coraçao Minhoto, banda de música popular e tradicional que máis adiante tamén o acabou sendo de cantares ao desafío, logo de descubrir improvisando sobre o palco que tiña o don da desgarrada. No 2016 participei no programa Praça da Alegría, onde fiquei en segundo lugar cantando ao desafío, e no 2020 fun ao Got Talent Portugal. Dende aquela, a hoxe. A Carballo imos con desgarradas e con algunhas das nosas cancións para pór Galicia a danzar.

—Fala dun don.

—Si, máis alá de cantar ben, ou da afinación, para ser repentista fai falta, é importante, ter o don, o cerebro preparado para responder rapidamente e con lóxica ao que o teu colega di. Ter a resposta na punta da lingua.

—Tradición, amor pola terra e identidade. Podemos dicir que aí reside a súa forza como artista?

—Sen dúbida. Está é unha tradición moi minhota. Represento ao meu país, xa que os cantares ao desafío son moi típicos de Portugal, mais especificamente á miña cidade é á miña zona. E ás mulleres, que non hai tantas a facer isto. É importante manter o futuro.

—É unha firme defensora de elevar a cultura popular. Que sería dun país sen a súa cultura popular?

—Un país sen algo que nos represente. Cando oes unha concertina acabas por oír Portugal, é case como o fado. É identidade que dignificar e que pasar aos mozos que están a aparecer agora.

—A regueifa en Galicia atravesou intres duros, case desaparición.

—En Portugal o recoñecemento tamén é recente. Hai cinco ou seis anos atrás isto caía, a xente non gustaba tanto da improvisación como agora. Felizmente apareceu un grupo de novos cantadores e cantadoras ao desafío: trouxeron un novo tempo a esta arte.

—A vostede tamén a coñecen como «a cantadeira do chapeu».

—O chapeu virou a miña imaxe de marca. Uso boina ou chapeu no meu día a día, mais foi no Got Talent que quixen crear unha imaxe que me diferenciase. Non me foi permitido daquela por tapar o rostro, pero cando saín do concurso e comecei a facer as miñas desgarradas chegou o momento. Gústame, identifícame e diferénciame doutras colegas. Somos poucas, mais mesmo así eramos a veces confundidas [ri].

—As súas cores: azul e rosa.

—Son as cores da miña banda, unha mensaxe. O rosa é a cor do amor, a miña cor preferida de sempre, e o azul a cor da confianza.

—«Para a vida bem levar, cantarei até morrer», di nas súas redes.

—Tiña xa 21 anos cando comecei na música, máis tarde que outros compañeiros, pero creo que a tempo. Se hai dez anos non me imaxinaba vivir da música, hoxe non me imaxino vivindo sen ela.

Que e cando. Mañá, sábado, será o gran día da regueifa en Carballo. Dúas citas: ás 12.00, ha biblioteca Rego da Balsa, proxección do documental «Ao son da nova regueifa». Ás 18.00, no Pazo, quintos Premios Galegos da Regueifa, con portas abertas dende as 17.30. Participan 14 regueifeiros e regueifeiras de Galicia. Promove La Voz, co patrocinio de Nauterra, Xunta e Concello. En ambos casos, acceso libre e de balde, ata encher aforo.