O seis de xaneiro para min sempre foi máis especial ca Papá Noel ou calquera invento dos americanos. Ese día era unha tradición na nosa casa, poucos agasallos pero gardábanse como ouro en pano, nunca mellor dito. Aqueles días, eran coma os da festa, arrecendían a rosca, a refrescos para os nenos e ao divertimento que precedía á volta á rutina. A miúdo, coido que eses recordos son os máis felices das nosas vidas e auguro que esquivarán eivas tan poderosas coma o esquecemento e o pasar dos anos.
Hoxe, vexo poucas cartas aos Reis coma antes. Anos atrás, nos colexios recortabamos con mimo aqueles xoguetes que queríamos, pegabámolos con barras de pegamento vermello e con sorte chegaba algún dos aguinaldos esperados. Agora, os nenos reciben demasiados agasallos, solicitados moitas veces de viva voz e sen arranxo de prezo ou mesura algunha. Tampouco son especiais porque ao final reciben tantas cousas ao longo do ano que todo carece de valor.
Estamos creando, sen sabelo, máquinas de consumo rápido, agasallamos cousas materiais e creamos carencias afectivas cando non podemos pasar nin cinco minutos xogando cas estreas dos nosos fillos. De todas formas, eu falo en primeira persoa sen telos e quizais sexa profeta nunha materia que non me corresponde, nun eido que non controlo, emitindo unha crítica fácil. O que si me gustaría é que os meus fillos gardasen os Reis como unha data especial, chea de agarimo e felicidade. Daqueles xoguetes apenas nos acordamos pero dos días felices sempre fomos protagonistas e iso foi unha das máis relevantes vitorias da nosa xeración. Gocen deste día de relaxamento cos fillos, ca satisfacción de estaren a vivir momentos que se quedan a lume vivo nas retinas.