«Ponteceso e as súas fabas serán un bo destino este sábado»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Chegou o día: a 33.ª Feira das Fabas servirá hoxe uns 400 quilos en 900-1.000 racións

25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Pasarrúas cos Picurruchos de 11.45 a 13.30 horas; fabas dende as 14.00; pregón ás 14.30 con Gil da Campara e actuación de Judith Cundíns dende as 16.00. Velaí o programa condensado da 33.ª Feira das Fabas prevista para hoxe no Campo da Feira de Ponteceso. Organiza o Concello e todo aquel que non retirase entrada poderá facelo alí mesmo. Que ninguén perda de ir por iso, porque ademais haberá prato suficiente: cociñaranse uns 400 quilos de fabas, segundo avanzou onte en Radio Voz Bergantiños José Manuel Mato, alcalde.

«Si que apetecen, si», confesaba tamén el á vista destas temperaturas que xa van sendo de outono. Agárdase un bo día, axeitado á estación, aínda que na terra de Pondal xa teñen comido fabas con sol e con boa dose de choiva, caso do ano pasado. «Que veña todo o mundo que queira vir. Ponteceso e as súas fabas serán un bo destino este sábado», convidou o rexedor. Tamén para compartir un vaso de viño ou un pouco de tempo cos amigos. Raquel Fondo, concelleira, Marisé e persoal do Concello veñen traballando a fondo estes días para que todo estea listo «e que cando chegue a xente só sexa sentarse e disfrutar». De saída calculan que se prepararán unas 900-1.000 racións. A faba, ademais, é local, de Cerezo ou Carballido, produtores da zona. O mesmo co resto de produto necesario e tamén co propio pan.

A 5 euros a ración

As entradas para a Feira das Fabas podían retirarse ao longo de toda esta semana no Concello e poderán conseguirse tamén hoxe. Teñen un custe de 5 euros, módico: «O primeiro ano que chegamos decidiuse poñer un valor simbólico, que fose gratuíto tamén desvirtuaba un pouco a esencia da festa. Cinco euros é algo que todo o mundo pode asumir, e ao mesmo tempo fanse contas», explica o rexedor, quen cre que, á marxe de que gusten as fabas, das cousas máis bonitas que traerá esta 33.ª edición será o pregón de Gil da Campara, unha homenaxe aos gandeiros: «Non nos podemos esquecer tan rápido de que hai dous meses e quince días estabamos asolados polo lume, e que á parte das Administracións houbo xente que estivo aí traballando de forma voluntaria. Gandeiros, empresarios, que cando tiveron que arrimar o ombro, poñendo o seu patrimonio en risco, fixeróno, un exemplo para todo o mundo (...) Comentámosllo a varias persoas e Gil foi quen se atreveu a ofrecer unhas palabras, o cal lle agradecemos moito», valorou Mato.

Non queda máis que desexar que o tempo acompañe o mellor posible: en calquera caso, haberá carpa, coma todos os anos, un bo lugar para baixar as calorías da outonal fabada a base de bailes amenizados por Judith Cundíns.