Antía Muíño: «Teño ganas de volver á casa. Hai moito tempo que non actúo en Baio»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A artista participará este sábado na festa final dos Premios Fouciño, unha iniciativa que eloxia: «Que leven xente nova, con ganas de facer cousas distintas e de dinamizar a cultura, e que ademais conten con talento galego... Hai que valorar iso e apoiar esas iniciativas», asegura

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Revolución absoluta», «Estandarte da nova canción galega», «Exemplo de excelencia musical» ou «Unha das estrelas da canción de autor ibérica». Así describen a unha das artistas que este vindeiro sábado pasará por Baio (terra na que ten raíces, por certo) para participar na festa final dos Premios Fouciño, Antía Muíño.

Dende o 2022 gañou un dos Premios Martín Códax na categoría de artista emerxente, foi embaixadora de Spotify Equal aparecendo ata nas famosas pantallas de Times Square, tivo varios nomeamentos nos Premios da Música Independente, xirou por todo o país, publicou un álbum e vén de sacar ao mercado un EP con dobre sinxelo.

—Que tal iso de volver á casa?

—Pois estou moi agradecida e con ganas, porque ademais había un montón de tempo que non tocaba en Baio. Lembro que a primeira (e creo que a única) vez foi no 2020: era pandemia, aínda estaba empezando a andar o proxecto e fun con formato moi pequeniño. Agora será distinto, pois irei con toda a banda e estamos xa noutro punto. A verdade é que teño moitas ganas de volver á casa, si.

—Ese concerto do 2020 fora na carballeira, non si?

—Si! Nesa época na que había que levar máscaras, ter aforos reducidos... Hai bastante xa!

—Desta vez non haberá que gardar distancia de seguridade nin nada diso. Festa asegurada.

—O certo é que nesa época tivemos a sorte de tocar bastante, quizais precisamente por ser un formato máis íntimo e pequeno. Agora será totalmente distinto, así que con moitas ganas de que a xente o pase ben.

—Xa que vén clausurar os Premios Fouciño: gústalle o cine?

—O certo é que son bastante cinéfila, si. Aparte, estou contenta de que se retomasen estes premios, pois paréceme unha iniciativa moi bonita. Que leven xente nova, con ganas de facer cousas distintas e de dinamizar a cultura, e que ademais conten con talento galego... Hai que valorar iso e apoiar esas iniciativas, co cal estou feliz de que contasen comigo.

—E un día despois, clausurará tamén o Mes da Fundación Fernando Blanco en Cee.

—Aí será distinto, máis ben unha colaboración. Irei eu soa e interpretarei uns cantos temas, pero será menos tempo de repertorio.

—Despois de «Carta aberta», ese celebrado primeiro álbum, vén de publicar con Abe Rábade un dobre sinxelo en forma de EP: «Vente vindo / Eu en ti». Como xurdiu esta idea?

—Pois con Abe tivemos uns cantos encontros musicais neste último ano e quixemos recoller esa maxia que se creara no escenario e co público. Así que fomos no verán ata Oporto e gravamos dous temas, un del e un meu, e quedou unha sesión moi chula. Ademais, o día 30 deste mes presentarei o primeiro sinxelo do meu novo disco.

—Abrirá con ese traballo unha nova era musical ou seguirá na liña do seu primeiro álbum?

—Hai cambios, pero mantendo a miña esencia. Será un álbum ecléctico e con son acústico, como o anterior, pero quixen que tivera un toque contemporáneo. Ademais, eu sempre recollín a música dun xeito naturalista, case como de directo, e desta banda quixen contar cun produtor externo. Xa rematamos de gravar no verán e estou moi contenta, con ganas de sacar cousas xa.

—Tamén a puidemos estes meses ver sumándose aos concertos de Baiuca: nesta zona, nas Festiletras do Couto, por exemplo.

—Con Baiuca levo dous anos xirando, e formando parte da banda neste último disco, e a verdade é que o paso moi ben. Son concertos moi distintos aos que eu fago, e que me levan a outro punto a nivel interpretativo. O certo é que me gusta participar en proxectos distintos e explorar tódolos ámbitos da música.

—Con que se queda de todo o que aconteceu nestes cinco anos?

—Pois coa aprendizaxe, sobre todo. Deume tempo a coñecer un mundo ao que chegaba de nova, pois aínda que levaba moitos anos estudando música, non é o mesmo iso que entrar na industria. É unha aprendizaxe na que sigo, pois non remata.

—E que lle depara o futuro máis inmediato a Antía Muíño?

—Nestes momentos estamos pechando a xira deste ano, na que ademais desas actuacións de Baio e Cee estaremos tamén o 1 de novembro en Madrid, e planeando xa a do ano que vén. Seguramente en febreiro saia o disco, así que en marzo comezaremos xa cos concertos de presentación. A gravación está lista e agora estamos traballando nos vídeos, en toda a creatividade arredor do álbum... A verdade é que é unha etapa ilusionante, aínda que tamén bastante axitada [ri].