
A gala final de proxecto, orgullo de pertenza á comarca, será na Punta da Barca, o 19 de xuño
10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ás portas das Letras Galegas anuncia a comunidade educativa da Costa Morte que anda a ultimar os preparativos para a segunda edición da gala Falemos + Galego. Está programada para o 19 de xuño, ás 10.30 horas, na Punta da Barca de Muxía.
«Ao igual que na súa primeira edición, o acto centrará a atención na resolución do concurso convocado entre o alumnado, que incluíu a creación dun lema, un logo e un vídeo en defensa da lingua galega», trasladan. Son centros organizadores o IES Lamas de Castelo (Carnota), o CPI A Picota (Mazaricos), o IES Fernando Blanco (Cee), o Agra de Raíces (Cee), o CPR Manuela Rial Mouzo (Cee). o CPR Nosa Señora do Carme (Fisterra), o IES Ramón Caamaño (Muxía), o IES Terra de Soneira (Vimianzo), o Pedra da Aguia (A Ponte do Porto), o IES Maximino Romero de Lema (Baio), o Eduardo Pondal (Ponteceso), o IES Fin do Camiño (Fisterra), As Revoltas (Cabana), IES Urbano Lugrís (Malpica) e IES Isidro Parga Pondal (Carballo).
A gala suporá a culminación dun proxecto colectivo que veñen desenvolvendo dende novembro nestes centros nos que se imparte ESO, bacharelato e Formación Profesional. Pasa a idea por promover «o orgullo de pertenza á Costa da Morte», á vez que fomentar a reflexión e participación activa na normalización do galego. Xunta de Galicia, CFR da Coruña, Deputación e Concello de Muxía colaboran na proposta, que para o 19 de xuño reserva actuacións musicais en directo, tanto de grupos profesionais como de alumnado.