Entre as nubes do ceo, cos beizos fríos da mañá, bica o vento mareiro, o vento da mar, o que ventea, que ventea, sempre para amar. E da beira da estrada da vida chegan cantigas. Empurradas polo vento. Enchoupadas na brisa.
O Bela Fisterra é un Libro. O vento deitado na mar. A Costa da Morte énchese de vida. A Langosteira de cristal. O Bela Fisterra évos un mundo. As súas habitacións, palabras de papel. O santo da barba dourada. O amor un carrusel.
E bicando os horizontes, as árbores espidas fuxían voando no cabo do día. Regaláchesme un bico meu amor. E voei entre as nubes, dun universo secreto, de aroma de estrelas e zume. Quixera ser bolboreta, meu amor. E bicar o teu bico dourado. Abrir as ás moi feliz, Voar por sempre ao teu lado.
Agarimosos e prohibidos
Hai bicos agarimosos, que pronuncian o teu nome. Hai bicos prohibidos que se dan co ollar. Hai bicos eternos, os da memoria. Bicos do adeus, os do final. Xa o dicía don Miguel de Unamuno, «besos que vienen riendo, luego llorando se van y en ellos se va la vida, que nunca más volverá».
Hai bicos rosalianos, na fronte unha estrela, no bico un cantar. No seu infindo ollar, mirábase a mar. As ondas aloumiñaban os seus pés ao camiñar.
E o ar feiticeiro dáballa un bico na man.
Hai bicos aireados de flor e mel (ata mañá, durme ben!). Bicos frescos de noz e limón (bos día érguete, sol). Hai bicos de cores. Hai cores do amañecer. Hai cores como bicos, Bicos tenros de pracer. Son bicos de aloumiños. Son aloumiños do anoitecer. Durmir arrolados por estrelas. Que fermoso é!
O Bela Muxía é a casa. O vento sopra na mar. A Costa da Morte chea de vida. A Pedra de Abalar. O Bela Muxía é o camiño. A Virxe da Barca, sen igual. O románico de Moraime. Brúa a mar en Touriñán.
Hai bicos na borraxeira, no faro, na poesía, no ar, á beira da mar, coa marea viva, con arrecendo a sal. Hai bicos na Costa da Morte… Bicos para amar.