Valentín García: «Labarta merece o seu propio Día das Letras Galegas»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

O baiés «volveu» a Pontevedra este mércores. Presentou alí a «Antoloxía poética» publicada por Galaxia e Concello de Zas

24 may 2024 . Actualizado a las 00:56 h.

Dez anos da súa vida, segundo indicou Mercedes Bará, autora de múltiples artigos sobre el, residiu o escritor Enrique Labarta Pose (1863-1925) en Pontevedra, cidade na que participou activamente da súa vida cultural e onde forxou estreita relación con destacados persoeiros. Pois ben, Labarta volveu dalgún xeito este mércores a Pontevedra. Alí, no salón de actos da Vicerreitoría do Campus, presentouse a Antoloxía Poética editada por Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela e publicada conxuntamente por Galaxia e Concello de Zas, unha iniciativa inxerida nun longo camiño para visibilizar o autor e reclamar para el un Día das Letras Galegas. «A presentación de hoxe é un chanzo máis», aseverou o alcalde, Manuel Muíño. «No 2025 cúmprense 100 anos do seu pasamento, polo que sería unha data moi acaída para o seu recoñecemento», engadiu.

Esta Antoloxía de Labarta inclúe 40 poemas en lingua galega de temática ben variada. Vida e obra do baiés foron percorridas polos editores do libro, resaltando a calidade e importancia para a época. Entre o público presente, Marina Pintos-Fonseca, neta de Javier Pintos Fonseca, grande amigo de Labarta, ou Amancio Landín, familiar de Prudencio Landín. Tivo o acto como peche as significativas palabras de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, recollidas polo Concello. Logo de poñer en valor o esforzo municipal por situar a Labarta no escaparate da literatura galega, afirmou: «Merece o seu propio Día das Letras Galegas e por iso quería estar hoxe aquí, para demostrar que Labarta é un grande autor». Logo da presentación, algúns dos asistentes visitaron en Pontevedra a rúa que leva o nome do baiés.