«Os europeos quedaron pasmados coa Costa da Morte»

Antón Lestón Lago
antón lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O alcalde de Dumbría, Raúl González, fai un balance moi positivo do preeuropeo xogado no Conco

16 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Conco, en Dumbría, acolleu durante toda a semana pasada o torneo clasificatorio para o Europeo sub-18 de voleibol no que xogaron España, Ucraína, Alemaña e Países Baixos. Catro completas delegacións que gozaron da Costa da Morte e que protagonizaron un evento que deixou un gran sabor de boca no Concello e na Federación. Raúl González é o alcalde.

—Cal é o balance?

—Sinto unha gran satisfacción. Cando apostamos por este evento, sabiamos que tiñamos que quedar ben. Pero sobrepasamos todas as expectativas.

—Foron tres días cheos de ilusión e de traballo.

—Quero agradecer a toda esa xente que participou desinteresadamente. Do Concello e do club, ademais de nais e pais. E por suposto aos nenos e nenas, que estiveron recollendo balóns e limpando a pista. Fixemos ata de interpretes, porque Dumbría foi unha torre de babel. Había ucraínos, alemáns e neerlandeses, pero tamén italianos, suecos ou franceses, porque é unha competición internacional. Para que todo saíse ben, tivo que darse unha simbiose de todo e así foi grazas á colaboración. Despois tivemos a sorte de que o clima foi excepcional e de que o público respondeu en masa.

—Que vos dixeron dende as delegacións e a Federación?

—Nas delegacións quedaron pasmados. Porque eles viñan a España cos tópicos cos que veñen moitos outros. Que si toros, que si paella... E quedaron pasmados con isto. Cas praias, cos lugares e ca calidade de todo. Os alemáns, o último día, pediron comer algo típico e déronlle un cocido. Estaban alucinados e encantados. Dende a Federación, dixéronnos que fora unha das mellores organizacións.