Teatro sobre lingua hoxe en Vimianzo: «Deixarse roubar un tesouro é de parvos»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Santi M. Amil

A compañía Sarabela trae esta tarde a Soneira o espectáculo «Made in Galiza», con texto da autoría de Séchu Sende: fala a directora, Fina Calleja

06 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Avanza en Vimianzo a programación da Casa da Cultura, hoxe con teatro. Ás 20.30 horas subirá ao escenario parte do elenco de Sarabela Teatro cunha obra da autoría de Séchu Sende que leva por título Made in Galiza. Como actores e actrices, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto. Como directora e encargada da dramaturxia, Fina Calleja, quen falou onte en Radio Voz. As entradas —5 euros— están á venda en woutick.es ou ben na billeteira dende unha hora antes. Recoñeceu Fina «moitas ganas e tamén unha fonda relación «cos lugares a onde vas».

—Din desta obra: «Aguerrida defensa da lingua galega».

—O punto de partida do espectáculo é un grupo de investigadores que se empezan a plantexar por que é tan difícil falar galego. Comparan con outras linguas. Unha reflexión arredor das típicas frases de No me sale, no se me da..., reflexión con humor arredor da actitude dos galegos respecto á súa lingua.

—E atoparon resposta a por que se deixa perder o idioma?

—Iso é facer spoiler!

—É unha peza de sketches?

—Na orixe temos unha escolma de relatos, a obra Made in Galiza de Séchu Sende, pero ao levala ás taboas quixemos darlle unha continuidade a través dunha galería de personaxes. Uns avós, unha nena, un home chegado dunha oficina de palabras perdidas... Querendo ser fieis ao autor hai cousas traídas tamén de A república das palavras, outra das súas publicacións máis sinaladas no ámbito da sociolingüística. Ímonos recoñecer a nós mesmos en todo isto.

—Humor, poesía, emoción... Cala mellor a idea con retranca?

—Creo que si, sobre todo neste terreo tan sensible como é a lingua. No canto de vela como un tesouro irrenunciable está ateigada de connotacións políticas que non forman parte do que é falar e sentirse galegos. Séchu permítenos un exercicio marabilloso, que é rirse dun mesmo. Como profesor que é domina as mensaxes cara os espectadores novos. Tiñamos interese en traballar esta franxa.

—Chega mellor aos mozos?

—Hai unha vontade de chegar a un sector da poboación que está abandonando o uso do galego de maneira masiva, pero o espectáculo é para todos os públicos. Estreámolo en setembro e estamos moi contentos de como está xirando. Desexamos longa vida para o galego e para a obra.

—Quen debería tomar nota?

—As autoridades, termo moi amplo, pero tamén nós mesmos, nun exercicio de responsabilidade como falantes. Deixarse roubar un tesouro é un pouco de parvos, non?

—Por sorte chegan a unha comarca na que aínda son maioría, ou moitos, os galegofalantes.

—Nós somos de Ourense, que tamén o somos bastante, pero non tanto coma vós! [ri]. Se antes falabamos do exercicio de rirse dun mesmo, a xente de Vimianzo e a súa comarca pode facer o contrario, rirse dos outros. Tampouco está mal.

—Como é o teatro de Sarabela?

—Un teatro de compromiso coas preocupacións da nosa comunidade. Na elección dos nosos textos hai un sentimento de pertenza e de dar voz a inquedanzas de Galicia. Aí está Made in Galiza ou O dragón de ouro, que acabamos de estrear en febreiro, sobre capitalismo exacerbado, inmigración...