O normal en época electoral é facer balance dos logros e fracasos tanto do goberno como da oposición. Por unha parte dos que tiñan o encargo de facer os regos e, por outra, dos que debían vixiar se ían dereitos, aínda que miraran co ollo esquerdo. Deste labor fiscalizador non só se ocupan os partidos políticos, tamén participan os medios de comunicación e os propios cidadáns que, coa experiencia persoal da súa relación coas Administracións, son un termómetro bastante preciso de como funcionan os servizos públicos.
Dos primeiros, os políticos, xa sabemos que forman un coro necesariamente discordante. Doulle a razón, só a medias, ao actor metido a concelleiro Juanjo Puigcorbé, cando afirmaba que para ser político hai que ser soldado, obediente e oportunista. Afortunadamente, coñezo mellores actores, (cousa de gustos persoais), e algúns políticos conscientemente díscolos que só se moven polo comportamento ético máis estrito. O que non lle podemos pedir a esta xente é que desdeñen da súa abnegada dedicación polo ben público. Dito sexa con certa sorna, sen sinalar a ninguén. Con respecto aos segundos, os medios de comunicación, hai para todos os gustos, pluralidade uniformada, xa que gozan dunha independencia dependente difícil de xestionar. E coa aparición de internet e esa capacidade autónoma de contra-información personalizada á carta, a cocteleira sempre leva algún compoñente pouco recomendable. E para terminar, quedamos nós, os de a pé. Os que lidamos coas eternas listas de espera. (Outrora, sempre faltaba unha póliza). Aquí temos que facerlle caso a filósofa Anna Pagés, temos que facer unha pausa, poñernos ante un folio en branco e facer a lista dos pro e contras. Saiban que chamarse a engano ou fustrigarse producen acidez de estómago.