Crónica histórica: o balón e a Costa | Conxuntos precursores, campos e nomes destacados da historia do deporte rei na Costa da Morte
24 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Na Terra de Soneira o lugar onde máis calou o fútbol foi na Ponte do Porto, ou polo menos é o Deportivo Porteño (por veces Porteño FC) o club do que máis partidos atopamos. Unha vintena de partidos deste equipo localizamos na prensa desde o verán de 1924 ata a Guerra Civil, disputados fronte a rivais de Muxía, Cee, Carballo, Vimianzo ou Malpica. Nun primeiro momento dicíase que xogaban no campo de Carantoña, aínda que en 1927 inauguran un novo campo, que polas crónicas da prensa aparece inaugurado dúas veces, pois en marzo dise que foi nun partido contra o Buserán de Muxía e ao mes seguinte, que se fixo contra o Junquera ceense. En todo caso, destaca o comentario feito neste último, no que se afirma que «los deportistas de esta villa dieron muestras de su religiosidad, disponiendo que el campo recibiese la bendición de la Iglesia».
Foron destacados xogadores porteños os Lemus, Leopoldo Miñones, Mouzo, os irmáns Roget, Rogelio, Minos, Rubianes, Constante, Leis, Alejandro, Lastres, Túñez, Bermúdez, González, Pecho, Severo, Narciso, García, Conde, Chisto, Merito, Evaristo, Pichón, Vázquez... Por volta de 1928 tamén se fala doutro club na Ponte do Porto, o Flecha Negra, que non debeu ter moito percorrido. Curiosamente, non temos noticia de partidos noutros lugares do concello, como na propia capital, Camariñas, algo que si pasará na posguerra, aínda que o Porteño seguirá sendo nestes anos o club máis importante do municipio.
No concello de Vimianzo atopamos partidos de fútbol entre 1927 e 1931 grazas ao club local, o Vall-Soneira, que ás veces aparecía como Ball-Soneira, debido a ese xogo de palabras entre a forma inglesa «ball» (balón) e a galega «val», en referencia ao val vimiancés.
Dispoñía de campo propio, Os Campelos, e disputaba encontros contra clubs da Ponte do Porto ou de Muxía. Dos seus xogadores só coñecemos pola prensa a Agustín, Leis ou Vázquez. Será a partir de 1938 cando este club volva coller impulso. Co nome da comarca tamén había un club en Baio, que neste caso era o Soneira FC, do que temos un par de partidos en 1927 contra os seus veciños do Zas FC. Deste equipo da capital municipal sabemos que disputou polo menos dous encontros máis, contra equipos de Santa Comba e Negreira, este xa en 1931. Formaban o equipo zasense os Montero (Rogelio e Manuel), os Romero (Francisco e Roberto), os Varela (Segundo e Ricardo), Laureano Trillo, Gonzalo Fariña, Enrique Pose ou Daniel.
xallas
Na Terra de Xallas temos pouca información de partidos de fútbol nesta época, o que non quere dicir que non os houbese, simplemente que os correspondentes non os consideraban noticia de interese. No concello de Mazaricos non atopamos ningún club nin partido, e no de Santa Comba, fóra do encontro sinalado en Zas, non aparece outro ata 1930. E aquí temos un derbi entre dous clubs locais, o Rezola FC e o Xallas SC, que din que se disputou no campo da Muralla, propiedade do primeiro deles.
O Rezola xogou con Braña, Turnes, Barros, Pereira, Manolín, Lema, Castro, Lojo, Otero, Pérez e Gil. O Xallas con Barbeira, Temes, Ferreira, Roque, Camilo, Negreira, Moroto, Vieites, Zaera, Piñeiro e Carballo. Ese mesmo mes aparece na prensa a noticia dunha fusión entre estes dous clubs, algo que se levaba tempo comentando -o que quere dicir que xa tiñan unha traxectoria- e que grazas á unión podían sacar da indiferenza cara a este deporte aos veciños deste concello. Descoñecemos se se levou a cabo a fusión e se esta tivo algo que ver co novo club que apareceu en 1932, o Lagarto FC, que xogou no campo antes citado un partido contra o Barcala nicrariense, formando do seguinte xeito: Sastre; Camilo, Lolo; Raso, Chemaría, Pereira; Arturo, Manolín, Tino, Pachín e Celestino.
Como podemos apreciar dous dos clubs xalleiros estaban patrocinados por dúas marcas comerciais, Rezola e Lagarto. Neste último equipo figuraba como xogador José Suárez Suárez, coñecido polo alcume de Raso, que co tempo había ser o fundador do Xallas FC, que sería o primeiro club da Liga da Costa en ter publicidade nas camisetas: o xabón Lagarto, o mesmo que xa patrocinaba este primitivo club de Santa Comba.
Barcala
Á comarca da Barcala o fútbol chegou moito antes que ás anteriores, quizais debido á súa maior proximidade a Santiago. Xa en 1911 atopamos un club de Negreira competindo contra equipos de Noia, como era o Tambre FC, mais despois haberá un longo parón sen máis noticias de partidos neste concello. Haberá que agardar a 1931 para atopar o CD Barcala, que disputaba encontros no campo do Tilleiro contra clubs de Santiago e que tamén se desprazaba a xogar a Brión, Zas, Santa Comba ou Carballo. Este club tiña xogadores como Vázquez, Caamaño, Figueiras, Ares, López, Carrillo, Ramón, Tomé, Leis, Pensado, Mejo ou Quinteiro, e tamén dispoñía do seu equipo xuvenil. Este club debeu desaparecer en 1933, ano no que había xa na vila outros clubs, como o Galicia SC, o Arenas del Tambre, que nese ano xogou partidos con equipos de Ordes ou co propio Barcala, e, sobre todo, o Club Pirelli. No veciño concello da Baña vaise fundar o CD Corneira, que se inscribe no Goberno Civil da Coruña en xullo de 1933, aínda que non lle atopamos na prensa ningún partido disputado.
Pero falemos do Club Pirelli, equipo patrocinado por unha marca comercial -que tamén patrocinaba outros clubs por Galicia adiante-, que vai ser o gran referente do fútbol barcalés nestes momentos. O 4 de agosto de 1933 vaise inscribir oficialmente no Goberno Civil e durante este e os vindeiros anos vai disputar partidos no campo de Cepelo contra clubs de Santiago, Bertamiráns ou Brión e mesmo facer longos desprazamentos para ir xogar a Cee, iso si, con devolución de visita. Unha das maneiras de organizar encontros nesta época era lanzando retos na prensa, que despois se aceptaban ou non polo mesmo medio. En 1924 os nicrarienses aceptan o reto lanzado polo Santiago SC do seguinte xeito: «El Pirelli está dispuesto a sumar a la larga lista de sus víctimas el nombre del Santiago S.C.». A pesar da boa restra de partidos xogados, a prensa non facilita o nome dos seus xogadores e tan só se citan o porteiro Arufe, Panchito e Leopoldo Amigo. O Club Pirelli seguiu xogando durante a Guerra Civil e na posguerra, polo que está considerado o precursor da SD Negreira que se fundou nos anos sesenta para xogar a Liga da Costa.