Gozo escribindo baixo presión. Sentir que o tempo pasa e non consigo atopar argumentos sólidos para expresar con claridade o que quero dicir. É un gozo contraditorio para non recoñecer que sufro. Algo así, penso, debe pasarlle estes días a Alberto Núñez Feijoo. Non acaba de encontrar xustificacións suficientes para estar en contra e a favor, todo ao mesmo tempo, con tanto pacto. En Galicia tíñao máis sinxelo. As maiorías absolutas facilitan o exercicio do poder. Vas de cheo, sorrinte e libre coma un paxaro. Debe ser moi doloroso levantarse feminista e deitarse violentado por corvos intransixentes que defenden o contrario. Xa sei que algúns dirán que tamén hai quen se alía co diaño. Polo xeral ninguén sae ileso dun pacto político. A non ser que sexas Cañizo e vivas en Malpica de Bergantiños, por suposto. Eu, en cuestión de pactos sempre sigo os preceptos de Rousseau e a súa teoría sobre o contrato social. Son necesarios para manter a democracia en pé. Mais o de liarse cos inimigos do sistema ten lecturas algo máis controvertidas. Deitarse co asasino pode ser moi cinematográfico pero non resulta nada edificante. Algo teremos que facer para non precisar de xente tan impresentable, aínda que conten con votos tan soberanos como o noso, para manter unha gobernabilidade consecuente cos tempos nos que vivimos. A igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista non ten volta atrás. Non existía antes porque falar diso estaba prohibido. Quedaba detrás das cortinas opacas das casas. Sei do que falo. Pechar os ollos para ter un pouco de poder é unha vergoña. Un pode falecer de fame porque a economía vai mal pero o que non podemos permitir hoxe, baixo ningún concepto, é que as mulleres sigan a morrer a paus.