Cuestión de fe

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Puesta de sol sobre las Illas Sisargas (Malpica)
Puesta de sol sobre las Illas Sisargas (Malpica) ANA GARCIA

19 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Como descrido coherente que son, coido que a fe, xa sexa relixiosa, ideolóxica, familiar ou persoal debe de ser un refuxio incómodo. Un caixón estreito onde estirar os brazos ou as pernas é tarefa complicada. Xa non digo airear a mente! Ese temor a saírse do rego da leal fidelidade ten que producir unha sensación de desacougo digna dunha lenda de Lovecraft. Xa sei, ou iso penso, que os monstros só residen dentro de cada un, pero tamén é posible que ter unha argola onde amarrarse pode significar, en casos extremos, esa ansiada liberación mística onde engruñarse e soñar. Meu avó Manuel, o Cerralleiro de Centiña, non precisaba atar na porta da taberna a Pascual porque o premio da docilidade servil dese burro era ración extra de pan e viño. Tempos aqueles de alimentación case sempre escasa para calquera tipo de animal. O que non sei é se a fe política partidista, (aproveitando a temporada electoral), ten algún tipo de premio especial. Refírome a esa alta porcentaxe de cidadáns que sempre votan ao mesmo partido, sexan quen sexan os candidatos. Parece que iso que chamamos solo electoral é como un seguro de vida grupal. Nas municipais, a amizade, o clientelismo, ese sen ti non son nada, e as cacicadas variadas soen imporse sobre calquera tipo de avaliación. Non cito a ninguén, pero poden mirar cara ás Sisargas e encontrarán algún exemplo de manual. O que me entristece é que tanta xente viva no que semella ser un tempo estanco e amortecido, sen predisposición para aventurarse, endexamais, entre incredulidades revolucionarias. Por suposto que hai que respectar certos principios básicos, pero tamén saber gozar da vertixe que producen os cambios. As cuestións de fe sempre me recordan ese fecho do que perdemos a chave.