Leituarios

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Unha nena utiliza unha pedra da pezoña para sanar unha doenza da pel
Unha nena utiliza unha pedra da pezoña para sanar unha doenza da pel Fondo Fotográfico Rey-Henningsen. Arquivo Gráfico do Museo do Pobo Galego

21 abr 2023 . Actualizado a las 09:16 h.

Coinciden en Santiago dúas exposicións con imaxes do mesmo autor: Gustav Henningsen, un historiador e antropólogo danés que nos anos sesenta estivo pola comarca de Ordes investigando e documentando, e deixou un legado impresionante sobre prácticas agrarias, sociais e de (imos chamarlle así) cultos. O home aínda vive, ten case 90 anos, e nese tempo estivo por Galicia varias veces e hai traballos e libros sobre a súa obra. No Museo do Pobo Galego, que dirixe outro antropólogo (o muxián Manolo Vilar) pode verse ata o 30 unha parte da súa obra. Unha máis, porque que eu lembre aí xa houbo outras dúas temáticas coas súas fotos nos últimos oito anos, a cada cal mellor. E, curiosamente, na Cidade da Cultura tamén aparecen imaxes e sons tomados por el, dentro da gran mostra Detrás do Espello, que merece unha visita con tempo. Henningsen percorreu boa parte de Ordes, chegando ata Cerceda ou Bardaos. Os seus retratos, costumistas, realistas, que fuxen dos estilismo estético (e se cadra grazas a iso son aínda máis arrebatadores) inclúen marabillas (non para a protagonista) como a da muller que carga un arado e un xugo por un rego. A forza das mulleres, en todas as súas acepcións, son motivos capitais da súa obra. Pero ao ollala impactan máis cousas, como a de recuperar na nosa memoria, se xa temos unha idade, ritos que se esvaeceron.

G. HENNINGSEN

Quédome cos leituarios, eses amuletos con supostas virtudes curativas para vacas, cabras e ovellas que deixaban de dar leite. Unha especie de medalla que se lles colocaba cunha amarralla, para casos de necesidade e escaseza de veterinarios. Escenarios que se van e que aínda se amosan firmes en fotos e memoria.