A Fonte de Fornelos, pioneira na Costa da Morte na recuperación dos microtopónimos

Xosé Ameixeiras
Xosé Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A entidade veciñal baiesa recompilou todos os nomes de lugar, que foron incorporados á plataforma de Galicia Nomeada

28 nov 2022 . Actualizado a las 22:52 h.

En Fornelos xa non esquecerán os nomes de leiras, montes, ríos e camiños. A asociación A Fonte, desta localidade de Baio (Zas), levou a cabo a recolleita e localización dos microtopónimos para que «perduren como parte indispensable do noso patrimonio e as xeracións vindeiras sexan coñecedoras e transmisoras deles». A entidade iniciou o seu labor no ano 2018 incorporándose á plataforma colaborativa Galicia Nomeada, co asesoramento de Vicente Feijoo, que é o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Os datos xa están todos cartografados, o que deu como resultado que o mapa de Fornelos apareza completado cos nomes de lugar.

MARTINA MISER

De feito, a iniciativa da agrupación de Fornelos ten máis valor se cabe se se ten en conta que este luns hai unha reunión no instituto Maximino Romero de Baio para emprender en todo o Concello de Zas o mesmo traballo que eles xa remataron hai dous anos. No encontro desta tarde tamén estará presente o alcalde, Manuel Muíño, con fin de animar á execución deste proxecto. Na asociación A Fonte ofrécense para colaborar nestas tarefas.

A idea xurde pola progresiva desaparición dos estilos de vida tradicionais que «ameaza gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio». A perda da microtoponimia vai en aumento con «cada persoa que morre», argumentan os membros de A Fonte. Para garantir que todos os nomes dos pequenos lugares quedasen fixados, na entidade botaron man de varios veciños. Así, os informantes foron José Romar Rojo, Felipe Allo Pazos, Estrella Balsas Pose, Estrella López Añón, María Blanco Pérez, Carmen Romar Rojo, Elena Cancela Romar, Consuelo García Espasandín, Carmen Romar López, Isabel Vidal Romar, Dorinda García Espasandín, José Ameijeiras Suárez, Ramón Romar López, Beatriz Senande García e José Pazos Vidal.

Tralo labor, e vistas moitas escrituras, descubriron que hai 150 nomes sen repetir. Os máis antigos corresponden a sendas compras que fixeron na Casa de Romelle nos anos 1573 e 1655.

Vista de Fornelos
Vista de Fornelos BASILIO BELLO

O traballo sobre a microtoponimia que se pretende iniciar no instituto de Baio xa ten antecedentes. Ademais do realizado pola entidade A Fonte de Fornelos, no propio centro Maximino Romero xa levaron a cabo o labor de recuperación da oiconimia (nomes ou alcumes das casas) do municipio e rexistro para evitar que se perdan. Tamén participaron alumnos do CEIP de Zas. Os estudantes fixeron de investigadores de campo percorrendo os lugares, coordinados polos técnicos municipais Verónica Silva e Adrián López. Un tempo despois de posto en marcha o proxecto, os estudantes xa tiñan recompilados un total de 631 nomes coas súas respectivas fichas.

Valor especial lle dan en Fornelos á tarefa realizada por eles sobre todo porque os topónimos son un reflexo da historia dos seres humanos que habitaron o lugar.

Rocío Romar Roel, no seu Fornelos natal
Rocío Romar Roel, no seu Fornelos natal José Manuel Casal

«Foi un traballo moi bonito coa participación dos veciños»

Rocío Romar Roel foi a coordinadora do labor feito pola asociación de veciños A Fonte de Fornelos para recoller a microtoponimia do lugar. Di estar moi satisfeita porque «foi un traballo moi bonito coa participación dos veciños». Unha gran cantidade de xente maior colaborou na recuperación de moitos datos xa case esquecidos. Xa hai dous anos que o remataron. O primeiro que fixeron foi coller o mapa do Catastro e presentáronllo aos habitantes do lugar, que coas escrituras na man foron contrastando cada un dos nomes. Logo, unha vez analizada e validada a súa corrección, fóronos subindo ao mapa de Galicia Nomeada.

Agora, a entidade está disposta a colaborar co Concello de Zas por se quere seguir o mesmo xeito de traballo. De feito, Romar Roel xa participou tamén na recollida dos micropotopónimos da costa malpicá. «Se se mira no mapa de Galicia Nomeada, Fornelos aparece con gran cantidade topónimos», explica Rocío Romar. No resto de gran parte do territorio da Costa da Morte están case en branco. «Isto dá unha gran visibilidade», engade.

Exemplos

Hidrotopónimos.Son os relacionados coa auga: O Rego de Fornelos, Riotorto, O Rego, O Foxo, Rego Madeiro, rego das Carballas, Riba do Río, Riba do Bao, A Fonte do Seixo, Riba da Fonte, Herbal da Fonte, A Fontaíña, A Fontiña, As Balsas, A Braña Feais e Os Lameiros.

Odontopónimos. Vías de comunicación: Camiño do Medio ou Sucamiño.

Orotopónimos. Relacionados co relevo: A Costa, As Costas, O Couce do Monte, O Outeiro, Suacosta, Valonco, Val do Seixo e O Castelo.

Fitotopónimos. Nomes de plantas ou árbores: As Carballeiras, O Carballiño, As Carballas, A Salgueira, A Castañeira, O Pumariño, O Prado do Feo e O Codexo.

Zootopónimos. Referidos a animais: As Paxariñas e O Mosqueiro

Litotopónimos. Formacións rochosas: Pedra Lagarta, As Pedracheiras, As Pedriñas, As Travesas do Pedrouzo, O Pedrouzo e O Esperón.

Epónimos. Relacionados coas persoas: Xan Casado, As Donas.

Asentamentos.Os Canles, As Eiras Vellas, O Cruceiro, A Cruz, A Fornella e A Medosiña.

Actividades. As Palleiras, O Palleiro, Tras do Prado, O Prado, A Agra do Campo, Tras da Agra, O Campo, A Leira Grande, A Chousa Nova, Os Campos, A Senra, Tras da Senra, As Falsas, A Manca, As Travesa, Os Barreiros e As Bouzas.

Antrotopónimos. Referido a núcleos: O Val do Vilar