Sen culpables

Natalia Lema Otero

CARBALLO

14 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

alzhéimer non é só unha enfermidade que afecte unicamente á memoria, afecta outro alicerce máis importante: a identidade. Cando todo isto desaparece, a mirada dos doentes baléirase, as facianas dos enfermos énchense de desesperanza e medo irracional, a pesares de estaren rodeados da súa familia. Ultimamente, no telexornal vexo moitos casos de desaparicións de persoas con este tipo de dexeneración cognitiva. Aínda que hai algúns casos de finais felices, a meirande parte dos sucesos rematan con achados dos corpos. Gustaríame enviar unha mensaxe de alento a todas esas familias que pasan por un transo así: non hai culpables. O alzhéimer é unha enfermidade tan volátil que un simple descoido como deixar as chaves na pechadura da porta fornece que escapen. Non obstante, iso non quita que o coidador non é robot que poida coidar todos os movementos nin tampouco é factible quitarlle toda a autonomía a unha persoa con demencia para poder protexela. Se hai culpables non son as familias. Son as administracións que non destinan axudas suficientes, as mesmas que pechan os centros de día e continúan sen regularizar o convenio colectivo da axuda no fogar. Coidar unha persoa maior é dedicar cada segundo a satisfacer as súas necesidades, esquecendo moitas veces as propias. Coñezo moitos casos de familias que pasaron casos así e continúan cun cargo de conciencia que non lles corresponde. Como sociedade deberíamos pór a dispor da sociedade galega medidas efectivas para paliar os efectos do esquecemento. Os mozos do IES Monte Neme están a desenvolver un proxecto de busca por xeolocalización. Imaxinen o que poderían facer as nosas Administracións se se fixasen nos nosos maiores e na demografía de Galicia.