Aida Tarrío, das Tanxugueiras: «Sentímonos moi queridas en Carballo e na Costa da Morte»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro
Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro BASILIO BELLO

SAN XOÁN | A integrante das Tanxugueiras promete que o de mañá (23.00 horas, Praza do Concello de Carballo) será un concerto enérxico e cheo de poderío

22 jun 2022 . Actualizado a las 23:29 h.

A ribeirense Aida Tarrío (1997) integra, xunto coas irmás Olaia e Sabela Maneiro, o trío Tanxugueiras, que encabeza a programación musical do San Xoán este ano. Actuarán mañá, a partir das once da noite, na Praza do Concello.

—Volvedes á capital de Bergantiños, a onde xa sodes asiduas.

—Estivemos hai pouquiño co Carballo Interplay e o ano pasado, no Orballo Cultural. Recordo que foi un día de bastante calor e aínda había restricións, así que tiña que estar todo o mundo sentado. Aínda así, a xente estaba a tope, así que o concerto deste venres en Carballo ten que ser a festa do ano! Estamos namoradas de toda Galicia e sentímonos moi queridas na Costa da Morte. E nós tamén vos queremos a vos, claro! Cando pasou o de Vimianzo, que non puidemos montar o palco polo vento e tivemos que retrasar o concerto un día, a xente entendeuno moi ben e demostráronnos moito cariño.

—Que se poderá ver en Carballo?

—Será un concerto con moito poderío, con empoderamento e con moita música tradicional. Quen vaia, bailará dende o primeiro ao último tema.

—Quen coñeza a vosa música saberá que tirades moito da reivindicación, como en «Pano corado», un canto á diversidade e ao amor libre.

Pano corado é un tema moi especial para nós e do que nos sentimos moi orgullosas. Como artistas, temos que ter a valentía para falar destes temas, e non só entre liñas.

—Unhas horas antes de actuar en Carballo teredes estreado o voso novo tema, «Seghadoras».

—Pois é unha canción á que lle temos moitas ganas. Levámola cantando en pouquiños concertos, e estamos desexando que a poidades gozar en directo en Carballo. Escollemos Seghadoras, con gheada, porque para nós é unha figura moi brava, con moita forza, e é precisamente o que transmite esta canción, así que queda perfecto.

—Se algo vides demostrando é que se pode ter proxección nacional sen renunciar ao galego.

—Nós imos sempre co idioma por bandeira e estamos notando que a xente doutros lugares acolle moi ben a lingua e a tradición. En Galicia temos ese orgullo polo noso moi ancorado, pero estamos vendo que fóra a xente tamén se sinte moi orgullosa de ter raíces e de ter a súa música tradicional, e iso tamén une.

—Sentides que a música galega está o suficientemente representada nos carteis dos grandes festivais?

—Queda aínda moito por camiñar. Creo que nós estamos abrindo unha portiña, pero hai moitísimos outros grupos que traballan no mesmo ca nós e que sen eses referentes non seriamos nada. En Galicia hai unha calidade musical exquisita, de moi diferentes estilos. É marabilloso que a xente nova poida escoller música na súa lingua no estilo que queira.

—Estes días anunciastes novo disco, e cunha campaña de publicidade ben curiosa.

—Si, por fin! Ese disco tan agardado sairá o 29 de xullo. [Como parte da campaña de promoción] lanzamos unha plataforma de xente afectada polo disco das Tanxugueiras [ri] e se entrades na nosa web atoparedes información e poderedes reservar o disco para telo antes ca ninguén.

—Algunha colaboración á vista?

—Temos algunha gardada, pero polo de agora non podemos contar nada. O que nos está gustando moito é traballar con xente coa que nunca pensariamos colaborar, porque teñen estilos moi diferentes ao noso, e non obstante o resultado queda precioso.

—Imaxinábades hai un ano todo o que vos sucedeu nos últimos meses?

—Somos moi traballadoras e sabiamos que poderiamos chegar coa nosa música a calquera escenario, só que nos levaría moito máis tempo. Isto que nos veu de golpe foi un agasallo enorme e aínda estamos un pouco en shock, pero temos moitas ganas de subir aos palcos e dicirlle á xente que paga a pena escoitarnos e vir gozar da nosa música.

—Que metas vos fixades?

—O máis importante para nós é poder vivir disto e que a xente o desfrute. Como meta? Pois molaría ir tocar ao Coachella [ri], pero de aquí a alá poden pasar moitas cousas...

—Sodes algo así como as novas heroínas da infancia galega e os vosos concertos están repletos de mocidade.

—Non me atrevería a dicir heroínas. Quizais referentes, e iso é algo que nos impón. Temos ese poder de dar a coñecer os nosos principios e os nosos valores, por iso coidamos moito o que dicimos nas redes e nos escenarios, porque somos conscientes da cantidade de xente, e sobre todo xente nova, que nos segue. Para nós é do público máis importante, porque eles son o futuro, a canteira da música tradicional galega.

BASILIO BELLO